Opinión

Fendas

Leo na web Datamania uns datos sobre consumo de televisión no Estado español. Desde 2020, ano da Covid, prodúcese un pico de audiencia de máis de 280 minutos/día por persoa. En 2022 descende ata rexistros moito máis baixos que os habituais desde 2014: 180 minutos. O período é curto, pero os datos apoian a sensación de que existe certo cansazo coa televisión convencional. Digo só certo: segundo o CIS, os debates da TV seguen a condicionar o voto de xeito acusado.

Dise, a respecto da grella habitual en televisións, radios e xornais, que é tendenciosa, que manipula ou mesmo espalla fake news. Algo de fartura haberá. Entre a xente nova Internet imponse para informarse. Na rede, a manipulación e as fake news non teñen nada que envexar aos medios convencionais, pero esta, nacida no tempo da inflación do eu, propicia a sensación de axencia ao "consumidor".

Ademais do tratamento editorial que os grandes medios fan sobre o que din, hai que atender ao que non din. Un exemplo disto evidenciouse cando a revista National Geographic publicou un artigo sobre o porto de Vigo. Alcumaba NG ao de Vigo como o porto máis corrupto de Europa debido á gran cantidade de peixe ilegal descargado e á vista gorda coa entrada de droga. É probable que o enfoque por parte da revista estea imbuído de tópicos sobre a indolencia inherente aos pobos sureños, marcos propios da visión anglo da Europa católica. Mais estes tópicos tamén son válidos para latitudes hiperboreas: Der Spiegel dedicaba hai dous anos unha potente portada –e o titular "Queixos, cocaína, asasinos"– ás actividades ilegais nos portos holandeses. 

As forzas vivas viguesas saíron en tromba para refutar a reportaxe do NG. Pero chama a atención (en realidade non o fai) que nada do que revela a revista fose nunca investigado polo Faro de Vigo, a gaceta mercantil viguesa. O porto e Citroën son os dous grandes conglomerados que, en Vigo, só producen boas novas. O mesmo que sucede con Inditex na prensa do norte. Pasa neste asunto algo semellante ao que comprobamos na campaña electoral do 23-X coa imaxe de Feijóo: o sistema mediático galego xera unha realidade paralela que só somos quen de rachar cando penetran visións foráneas. A manipulación mediática é inxente, pero non todo ía ser malo na época da pos-soberanía e a inflación do eu das redes socias: ás veces ábrense fendas polas que entra a luz. Para espelirnos.

Comentarios