Opinión

Facendo turismo

O prelitoral da Costa da Morte non é moi diferente ao das Rías Baixas. Salvo por dous aspectos: houbo máis concentración parcelaria, o que formou unha paisaxe de fincas grandes dedicadas ao forraxe (e prados en concellos como Mazaricos), e hai espazos de monte, totalmente despoboados, moito máis amplos que os análogos do sur, dedicados á plantación de eucalipto. Isto e a relativa desconexión de grandes infraestruturas, fan da Costa da Morte unha comarca que, sendo ribeirana, ten algo de interior.

Para sorpresa de ninguén, o mosteiro de Moraime estaba pechado. Intuímos os frescos das paredes da igrexa desde a reixa da porta. Frustración que tamén irmanda co sur. As praias e cantís si son diferentes. Mais algunhas, como a de Laxe, co seu ambiente familiar, lembran as calas meridionais e contrastan con areais como o de Soesto –de mar arrizado e perfecto para o surf– a pouca distancia.

En Muxía hai un hotel que se chama "Muxía a bela". Seguro que o foi. No pasado. No presente é como tantas outras poboacións: un caos de construcións espontáneas e pelotazos urbanísticos. Demos alí cunha festa que mestura o neomedieval e o corsario coa celebración gastronómica e a verbena. Moita xente ía ataviada cunha sorte de traxe tradicional, blusa de pousadeira do s. XIV e motivos piratas. Gaitas, coches de choque, cubatas e xabón artesán. Como en "Bótalle caldo", de Malandrómeda, pero cunhas pingas new-ager. É unha plástica metafórica do trauma. Unha amalgama que fai virtude do eclecticismo perralleiro. Muxía a bela. Home, outra non hai!

No santuario da Virxe da Barca erixiron un gran monólito de pedra fendido. Lembra a catástrofe do Prestige e chámase "A ferida". É un bo nome. Galiza é unha gran ferida. En 2010 ardeu o retablo da igrexa e hoxe substitúeo un plotter a tamaño real. Patrimonio approves, pensei tomando un Calippo. No aparcadoiro do santuario estacionan un bo feixe de caravanas. Tamén en Soesto formaban un poboado rodante ao que, segundo nos contaron, serven en furgoneta o pan e o peixe. Business is business. A diferenza do que estes ollos viron noutras xeografías, aquí non hai gálibo en ningures.

No salvaxe oeste o turismo é o novo maná. Aínda que o vello maná, o inmobiliario, mutilara toda posibilidade de vender lugarellos mariñeiros intocados. Manás incompatibles? Madialeva: as praias e o marisco seguen a funcionar. Sube o volume e tira pradiante!

Comentarios