Opinión

Da carne sen dereitos

Un dos aspectos máis descoñecidos do pensamento de Castelao ten que ver cun problema que cobrou relevancia no século XX: o dos apátridas. Os suxeitos sen dereito a teren dereito. Era unha cuestión que desafiaba a lóxica dos estados-nación. 

A teorización do soberano como aquel con capacidade de ditar o estado de excepción –é dicir, con potestade para incluír e excluír do corpo político– é do xurista alemán e filonazi Carl Schmitt, quen se inspirou no conservador autoritario español Donoso Cortés. Outros filósofos como Hannah Arendt ou Walter Benjamin –quen coñecerían en propia carne a exclusión radical perpetrada contra o pobo xudeu– criticaron o poder soberano schmittián desde o ángulo de quen o padeceron.

Na mesma estela que os citados, e que dificilmente puido ler, escribiu Castelao, nos seus Cadernos de 1938-1948, que "o totalitarismo creou problemas anacrónicos, non previstos polas lexislacións liberais". Problemas que atinxen a "grupos humanos […] sen dereito á vida". Laiábase o rianxeiro dos que "por fuxir da morte, atravesaron clandestinamente as fronteiras de calquera país e alí esgotan as súas enerxías físicas e morais". 

No presente, a redución de seres humanos a carne sufrinte sen redención segue a producirse a través dos desprazados por guerras interminables nos estados falidos do Oriente Próximo ou do Sahel. A estes, hai que sumar os inmigrantes económicos e, algo cada vez máis frecuente, aos que foxen da crise ecolóxica. Autores como G. Agamben continúan a reflexión sobre a "núa vida" encetada por Arendt e Benjamin e recollida –de xeito tanxencial e en escritos privados–por Castelao. 

As imaxes da prisión flotante para inmigrantes proxectada no Reino Unido por unha compañía con raíces no antigo comercio de escravos, as imaxes de persoas caendo deshidratadas no deserto en Tunisia, país que actúa coma cinto de seguridade da UE. As imaxes de caiucos á valga e de meniños mortos nas praias do Mediterráneo. Todo axuda a entender por que en Níxer están fartos do colonialismo francés e por que –por máis que o occidental medio entre en barrena– branden bandeiras rusas ou chinesas coma quen ondea unha brasa incandescente de esperanza.

Todo se olla dun xeito diferente cando se é un ninguén e palabras como "totalitario" e "democrático" acaban dando a volta, coma un calcetín, na mente daqueles que saben que o  latexo do seu corazón vale menos que os seus zapatos.

Comentarios