Opinión

Capitular ou tomar partido

Probablemente, o máis duro é admitir que o que hoxe afecta a cada vez máis espazos da esquerda occidental, en cada vez máis temas –a capitulación ideolóxica–, non é senón o estertor dun proceso de décadas: a penetración do "realismo capitalista" no máis fondo das consciencias. Mais se a esquerda non acusase os males da propia sociedade, aquela sería un ente alleo ao que pretende transformar. Algo se cadra viable no pasado, no que a sima entre intelectuais e pobo era abismal; menos cando a política e a comunicación se volveron fenómenos masivos e o intelectual está diseminado, como persoa e institución, ao ancho do corpo social.

Lendo o exiliado Max Aub, de visita por un Estado español de finais dos 60 e principios dos 70 que arelaba ingresar no Mercado Común e asistía ao "milagre económico" séntese que os lentes cos que se indignaba con aquela realidade apolítica, compracente e cínica, levaban implícita a memoria dun mundo outro (no caso de Aub, a república e o antifascismo). A presuposición de que quen olla faino desde un lugar "outro" é moi suxestiva, hoxe que semella non existir un fóra á totalización da mercadoría e dos refinados modos de control tecnolóxicos.

A consciencia do omnímodo do poder foi callando, pouco a pouco, durante o século XX. No pánico á falta de escapatoria aniñan as ideas arredor do totalitarismo teorizadas por Hannah Arendt. Tamén as de Foucault arredor da ubicuidade do poder. O antídoto, explícito en Arendt, se cadra menos en Foucault, é que toda idea de superación do existente conduce a algo moralmente peor. Os Founding fathers antes ca Robespierre.

O fatalismo ten formulacións aínda máis alambicadas nas apelacións á "complexidade das cousas" (ninguén nega a complexidade do mundo, si o uso espurio dese ítem como sinónimo de resignación). En calquera caso, a esquerda non está para rematar coa "complexidade" (esta nunca rematará), está para que os termos da complexidade muden en favor dos de abaixo. Iso significa ser partisano. Pensar o todo desde a parte. Tamén cando se nos demanda "pensar globalmente" en nome do planeta.

Durante a guerra de Iraq, houbo reaccións de masas que entenderon o que estaba a suceder baixo a faramalla de propaganda sobre o "ditador sanguinario". Na guerra OTAN-Rusia/China aflorou a apelación á moral selectiva como substitutivo da política. Que sucederá, agora, co enésimo sacrificio entolecido que o deus de Israel esixe aos palestinos?

Comentarios