Opinión

Un bucle espazo-temporal

A quen visita as comarcas da Terra de Melide e da Ulloa desde as Rías Baixas moitas cousas resúltanlles sorprendentes. A intensidade da actividade gandeira deixa un rural que apenas se ve no interior de Pontevedra (nin no occidente da provincia de Ourense) e só ten parangón na comarca do Deza. Casas grandes e boas, granxas con terras de dimensións considerables dedicadas a pasto, superviventes dos sucesivos modelos de adelgazamento do sector agrario e da deslocalización da produción de alimentos. Apenas o eucalipto que comparte os montes coas especies autóctonas se asemella ao habitual no suroeste galego, onde o rural xa non é produtivo –salvo, quizais, as zonas vitivinícolas– e onde, como moito, se dedica o territorio, onde non se produce o abandono puro e duro, á vivenda residencial nas zonas máis próximas ás cidades.

Nas rúas de Melide xa se ven pancartas penduradas dos balcóns en contra da instalación de Altri, unha macrocelulosa que apareceu cuberta dunha capa de greenwashing en forma de fábrica de fibras vexetais para o sector téxtil. Mais o alcalde do PP de Palas de Rei sentenciou que o de Altri era un proxecto de "economía circular" e que era "o maior investimento na provincia de Lugo en 50 anos". A frase ten punta. 50 anos retrotráenos a 1974, as mesmas datas en que o noso país viviu loitas contra o trazado da AP-9, infraestrutura que no presente desangra os petos dos galegos e galegas e que contribuíu a desvertebrar a Galiza occidental e a oriental; loitas contra a instalación dunha central nuclear en Xove ou loitas contra as expropiacións de terras agrarias por parte de Fenosa nas Encrobas.

Coma se estivésemos nun bucle espazo temporal (ese é o único que hai de circular no proxecto de Altri), o país volve converterse nunha finca administrada por mercenarios que venden a terra barata a industrias que deixan pouco retorno na economía local (eólicos e celulosas). O modelo do tardo-franquismo repítese pero cunha novidade: a inventio do Xacobeo fraguiano desenvolveu un tipo de turismo low-cost demandante de paisaxes e patrimonio coidados que nas comarcas onde pretende instalarse Altri constitúe unha fonte de ingresos importante. Esta é unha contradición substancial das políticas do PP para Galiza. A terceirización turística do país e o extractivisimo primario non son actividades compatibles en xeral, pero o son aínda menos cando ambos os dous modelos se pretenden aplicar na mesma comarca.

Comentarios