Opinión

Ayuso e o cosaco

Todo é máis fácil con poder económico e mediático. Algo a ter en conta antes de flaxelarse. Mais tamén é certo que as dereitas son quen de aglutinar electores de ethos variado (ben que unido arredor do principio de propiedade). Dos restos da base católica, pasando polos liberais de distinto pelaxe –coas súas ficcións sobre a neutralidade da lei, ata os novos "libertarians". Tradicionalismo, formalismo legal e nietzscheanismo conviven no barullo. A isto, no caso galego, hai que engadir un rexionalismo cada día máis esvaído.

Interesan, sobre todo, as mensaxes da dereita non dedicadas ás súas bases naturais. Destaca nisto ese mini espírito do tempo que adopta o nome de Isabel Díaz Ayuso. As diatribas desta contra a esquerda aburguesada que nada sabe dos horarios das clases traballadoras dan a volta á torta e fan pasar un avatar do capital coma a valedora do proletariado. A este mundo ao revés hai que engadir o grande achado da dereita post-68: a cooptación das ansias de liberdade antes encarnadas pola esquerda. Non a liberdade negativa (que tamén esgrimen), senón os canonazos dirixidos ao subconsciente das clases populares cargados de anhelos da vella liberdade espontánea e anárquica dos tempos en que o Estado non o era todo. O que poderiamos chamar a liberdade antroideira de Bakhtin, que a dereita formula como o dereito a tomar unhas cañas despois do choio sen que te amarguen ou de facer a casa como che pete. 

Os comportamentos irracionais que propicia esa pulsión cara á liberdade popular aparecen con mestría en Conxecturas sobre un sabre, novela de Claudio Magris. Nela debúllase a Krasnov, un cosaco que combate os bolxeviques do lado Zar porque "na revolución vía a agresión anónima da modernidade" e "o crepúsculo do individuo". Enxergaba Krasnov no marxismo, coma se se tratase de Risco ou de Castelao, a tecnificación, a anomia e a vida administrada por unha chea de mediacións. De xeito contraditorio, o cosaco pelexará para "defender ou restaurar a liberdade cosaca que precisamente os Romanov –o Estado moderno ruso– e non a revolución destruíron".

A política non é cartesiana. A dereita sábeo e diversifícase para chegar ata os lugares máis afastados. Tomemos nota da importancia da complexidade. Fagámolo, sobre todo, para non enlearnos coma peixes no anzol, nos debates estúpidos –sobre sectores moderados e núcleos duros– que espallan "os malos" (Rajoy dixit) para esfarelarnos. 

Comentarios