Opinión

América e nós

No contexto post 1898, Unamuno escribe a Ganivet: "no me cabe duda de que una vez que se derrumbe nuestro imperio colonial, surgirá con ímpetu el problema de la descentralización, que alienta en los movimientos regionalistas". Para o vasco, a "orientación desquiciada" imperial, imprimida por Castela, debilitara o proxecto español; agora cumpría centrarse no interior. Canto a Ganivet, puxaba pola redirección imperial cara a África. Ambas ideas realizaranse. Os intereses militaristas volcaranse no Rif e, tras o golpe de 1936, nos pobos peninsulares "reconquistados" con zuna africanista.

En Sudamérica, o independentismo do século XIX e o anticolonialismo do XX foron liderados por crioulos e brancos. A liberación é un proceso. A onda antineoliberal dos 90 abre paso a un novo indixenismo. Os mapuches, os zapatistas e figuras como Evo e Chávez marcan un troco político parello a outro intelectual: en 1992 E. Dussel fala do 5º centenario do "encubrimento do Outro".
Tras a modernización autoritaria, a España do 92 vive anos de viño e rosas. Os fastos do "encontro de culturas" convive cun españolismo banal e coa estabilidade financiarizada do café para todos. A crise de 2008 ispe o rei. Como o réxime da Restauración, o do 78 zozobra no limiar do novo século. Para confrontar o problema social, expresado co 15M, e o nacional, expresado polo independentismo, o españolismo saca a pouta. Incubada no aznarismo, unha corrente neofranquista con arelas culturais autárquicas nun Estado sostido polo BCE, aspira á hexemonía mentres a esquerda estatal, sen pensamento sobre as nacións e o imperio, zombifícase. A diferenza do que fan outros ex imperios, Felipe VI asume o marco. En Porto Rico gaba con argumentos rocabareistas a colonización española. A resposta rexia aos requerimentos de perdón do presidente de México é igual de arrogante que a dada en TV ás demandas democráticas dos cataláns.

Entre os cometidos: combater o "indixenismo" interno levantado contra o deep state madrileño, garante da reprodución dunhas elites corruptas. Combater o indixenismo latinoamericano, soberanista e pouco caro aos intereses das empresas españolas. Manter o papel subalterno do Estado no reparto do traballo europeo e a fidelidade aos EUA no novo escenario multipolar. 
"O indixenismo é o novo comunismo", resume a inefable Ayuso. Velaí o punto de sutura que, unha vez máis, xungue os procesos de liberación de Sudamérica e da Península. 

Comentarios