Opinión

A metáfora da casa

O ensaio de Antoni Doménech sobre a fraternidade é xa un clásico. Para el, o alicerce da tradición democrático-fraternal é a unión dos irmáns e irmás contra o Pater familias, o señor do oikos, da casa. A da emancipación é unha loita contra a dominación do Señor aos escravos, aos famuli (familia), aos dependentes materialmente (oikonomia).

Menos coñecida é a consciencia que tiña Castelao desa metáfora e como aplicou esta ao problema das minorías nacionais. Castelao di que nos Estados-nación hai colectivos "señores" e "servos", nacións "hexemónicas" e "subordinadas", e que as primeiras consideran "monstruoso que se discuta a súa patria potestade". Breve inciso: é interesante o de monstruoso á luz da habitual caricatura animalizadora de todo subalterno. Todo isto pode lerse no Sempre en Galiza, onde Castelao tamén di que a nación dos señores "fai do conxunto político unha especie de familia primitiva, na que oficia de supremo maxistrado, baixo unha estreita moral doméstica". Por outra banda, nos Cadernos de 1938-1948, di que "non é o mesmo gobernar unha familia que un conxunto enorme de familias, dirixir a economía dunha casa que a economía común dunha moitedume de fogares". Castelao apela ao mesmo republicanismo que o Aristóteles da Política: non é o mesmo o goberno do amo que o da cidade. Esta é república. O goberno da familia é monarquía. Goberna un só home sobre os non libres.

Hinkelammert sinalou que a transformación da Revolución Francesa en burguesa deu lugar a varios asasinatos: o de Olimpia de Gouges, unha muller; o de Babeuf, un obreiro, e o de Toussaint d´Louverture, un escravo. Todos os movementos emancipadores loitan contra a lei do amo da casa. Á figura do obreiro submiso ao "Patrón" (o gran pai), do "tío Tom" (ámbito semántico da familia), da "ama de casa" (ironía transparente), do que "non sae do armario" (metonimia da casa), oponse o obreiro revolucionario, o guerrilleiro anticolonial, a sufragette/feminista, o homosexual orgulloso/a.

Na coherencia íntima da metáfora da casa é posible imaxinar a unión das loitas fragmentarias e a converxencia de enfoques, cada día máis distantes, entre a esquerda occidental (que esqueceu esta tradición europea) e a esquerda do sur global. Tamén pode ser este un punto de encontro interesante para as dúas grandes familias ideolóxicas do soberanismo galego (a anticolonial e a filoeuropea).

Comentarios