Opinión

Desculpas públicas ao Apalpador

Meu ben querido Apalpador:

Sentía a necesidade de che escribir porque teño moitas explicacións que darche. Ti a min coñécesme de sempre, como a todas as nenas e nenos da Galiza, mais eu a ti non te coñecía.

Meu ben querido Apalpador:

Sentía a necesidade de che escribir porque teño moitas explicacións que darche. Ti a min coñécesme de sempre, como a todas as nenas e nenos da Galiza, mais eu a ti non te coñecía. E quero pedirche desculpas, xa que hoxe en día ben sei que moito deixas feito por min. Todos aqueles agasallos que tiña no Nadal eran teus, e eu sen nunca cho agradecer. Todas as bolas que pedía cada ano para xogar ao fútbol, algunha peza de vestir da miña equipa favorita, algún libro destes do Barco de Vapor e de Pesadillas… trouxérasmo ti. E iso que ti es máis de deixar castañas que agasallos mais cumprías os meus desexos, a pesar de que as cartas nunca estaban dirixidas a ti…

"Durante toda a miña infancia e adolescencia, ninguén me falou de ti, nin meus pais, nin mestres no colexio, nin escoitei nada na televisión… nada"

Non podo máis que me desculpar polo desagradecido que fun, mais tamén debo ofrecer as miñas explicacións para que me comprendas. Durante toda a miña infancia e adolescencia, ninguén me falou de ti, nin meus pais, nin mestres no colexio, nin escoitei nada na televisión… nada. Algúns non tiñan culpa ningunha, na miña casa creo que tampouco nada sabían de ti, mais outras moitas persoas si sabían e nada contaban. E creme, se me tiveran falado de ti, lembraríame, que cando é para recibir agasallos, un tíralle o máximo proveito á memoria. Mais de ti non escoitei nada até non hai moitos anos, aínda que ti xa andabas vixiándonos e ofrecéndonos os teus detalles. Iso si, das castañas que sempre deixabas, nunca nada me dixeron. Sabían que eu desconfiaría de que un admirado Papá Noel trouxese castañas, iso correspondía
máis a unha figura máis nosa.

Porén, tamén quero escusar a ese mundialmente coñecido señor de brancas barbas ben entrado en quilos. El non ten culpa de nada, é boa xente, que cho digo eu, mais recibe sempre os eloxios do que non lle corresponde, xa que el pola Galiza rara vez pasa. Con todo, nais e pais só falan del como o gran agasallador que nos trae a felicidade en forma de agasallos. E claro, o normal é que acabemos por adoralo. Só que o tempo corre, faste maior e decátaste que todo era unha farsa e quen estaba detrás diso eras ti, Apalpador. Deixáronte de lado quen debe de dar a coñecer o teu labor e @s pequen@s case nunca cho agradecemos, por mor do noso descoñecemento. Aínda que ti sempre seguiches para diante, coa fama ou sen ela, axudando.

"Nós temos unha débeda contigo e cumpríndoa é como esperamos conseguir o teu perdón. De aquí en diante, non debemos deixar que fiques na escuridade".

E claro, cando te enteiras, pensas que xa é tarde… mais coido non. Nós temos unha débeda contigo e cumpríndoa é como esperamos conseguir o teu perdón. De aquí en diante, non debemos deixar que fiques na escuridade. Non podes ficar á sombra de axentes alleos que nos veñen meter á forza pola atracción do foráneo e rexeitamento do propio. Ti sempre cumpriches, e agora debémolo de facer nós para que todas as xeracións que veñen saiban de ti, medren desfrutando de que quen os agarima e apalpa nesas noite é precisamente Apalpador. Aprenderlles a valorar o noso sen ter que acudir a invencións do estranxeiro. Xa hai tempo, que moitas persoas veñen facendo acto de xustiza contigo, mais non abonda, debemos ser moitos máis os que recordemos que es ti quen baixa ás casas e non polas chemineas. Quen vai crer iso…

Así todas esas crianzas non sufrirán o impacto que algúns de nós levamos ao nos facer maiores. Enterármonos de que un dos nosos mellores recordos da nosa infancia era mentira. E aínda por riba, hai outra xente que di, que por detrás de todo están os pais e nais, mais eu a esas arriscadas afirmacións prefiro non facer moito caso, porque sería dubidar do teu bo traballo. Abondo tes loitando contra a marxinación dos medios e das familias como para que se negue a túa existencia.

"Só che pido que nos poñas xente preocupada por Galiza e polo noso idioma, que non pensen só no foráneo, no exterior máis próximo e máis afastado".

A todo isto, xa antes de me despedir, aproveito para che pedir algo para o novo ano, e fágoo con tempo, para que vaias tecendo os fíos necesarios. Cos meus 26 anos imaxina que xa non pedirei o tipo de agasallos de hai un par de décadas. Preferiría pedirche un detalliño calquera mais a situación require un esforzo. Xa me dirás se es quen de tremenda acción. Fainos o favor de axudar a limpar a nosa sociedade. Ti ben ves en que se converteu… Talvez estea pensando eu nuns superpoderes máis propios de heroes que de personaxes natalicios mais ante a pasividade duradeira do pobo decido acudir a ti. Afasta de nós a todos aqueles fascistas e colonialistas que se están a rir de nós. Veñen procesos electivos nos vindeiros meses e aí talvez poidas facer algo. Só che pido que nos poñas xente preocupada por Galiza e polo noso idioma, que non pensen só no foráneo, no exterior máis próximo e máis afastado. Habería moito máis que solicitar, mudanzas en moitos aspectos, mais de momento confórmome con isto porque sei da súa complexidade e que isto, cando menos, nos levaría a poder decidir en algo e en todo nós, nosoutras e nosoutros.

Lembra, de aquí en diante tes un amigo que promete facer o posíbel para compensar tantos anos de esquecemento. Se for necesario, manteremos os ollos d@s pequen@s abertos para que comproben que quen os visita e os agasalla resulta ser alguén que non fala inglés, nin español, senón a nosa lingua. A ver se, canto menos, iso podemos decidir.

David Díaz Díaz

Comentarios