Opinión

Eólicos si, pero non así

Collemos prestada a coñecida consigna presente nas estradas galegas para desfacela de xeito que permita, dende a nosa visión, a súa necesaria concreción que desmonte ataques simplistas interesados.

Cando se afirma "Eólicos Si" acértase, pois é unha enerxía renovábel da que Galiza non pode prescindir. É habitual a confusión entre ser exportadora neta de electricidade, como é Galiza, con estar "sobrada" de enerxía, e non é o caso, polo menos mentres o transporte e actividades industriais e domésticas empreguen combustíbeis fósiles.

Segundo o último balance enerxético do 2020, Galiza consumiu 5.447 ktep (quilotoneladas equivalentes de petróleo) de enerxía final, 12% menos con relación ao 2019 polos efectos da Covid-19 na economía galega. Delas, 3.177 ktep son de orixe fósil e de importación, é dicir, case o 60%, que debemos ir substituíndo con renovábeis, para reducir as emisións de CO2 e cumprir cos obxectivos marcados pola UE para o ano 2030, e poder acadar en 2050 cero neto emisións de CO2, e para reducir a factura que Galiza paga cada ano pola importación de produtos enerxéticos, 1.223 M€ no 2021 e, no período de xaneiro a setembro deste ano, van 1.625 M€.

Entón, con que recursos enerxéticos conta Galiza para acadar estes obxectivos? As 2.405 ktep de enerxía final, incluídas perdas, achegadas por Galiza ao seu consumo no 2020 proceden principalmente, e por orde decrecente, das fontes enerxéticas eólica, hidráulica e biomasa, que representan o 93% da mesma, con pequenas variacións dende o ano 2010 dependendo das condicións meteorolóxicas.

O potencial de crecemento destas fontes enerxéticas é moi desigual, así, a hidráulica, o seu crecemento nos últimos dez anos débese fundamentalmente á repotenciación e, previsiblemente, o seu crecemento futuro sexa en base a centrais de bombeo puro ou mixto, que funcionen como almacenamento de enerxía. En canto á enerxía a partir da biomasa, se admitimos que Galiza produce 2 millóns de t/ano de biomasa, a oferta e demanda estean posiblemente este ano equilibradas, sen prexuízo de que no futuro se use como combustíbel madeira que actualmente se destina a outros usos; polo que respecta á eólica, esta é a que maior potencial de crecemento presenta, porque Galiza é unha das Comunidades con mais horas equivalentes de funcionamento, e conta ca maior porcentaxe de superficie dispoñíbel apta para este tipo de enerxía, sen contar o incremento que se producirá cando se repotencien instalacións caducas ou obsoletas. Non debemos esquecer a solar, aínda que hoxe só represente o 0,70% da enerxía autóctona, e Galiza sexa a terceira comunidade con menos horas solar pico, si terá un importante crecemento, principalmente a través do autoconsumo e as comunidades enerxéticas en instalacións non só sobre cubertas. E mentres non se descubran outras fontes enerxéticas autóctonas, isto é o que temos, por iso vemos moi difícil poder prescindir da enerxía eólica no futuro inmediato.

Por iso, "Eólicas Si".

A outra parte da consigna, "Pero non así", é importante ao incidir no fundamental: como se regula a implantación deste tipo de enerxía, para quen e para que, canta, onde, como e por quen se instala.

Galiza non pode converterse nun "parque temático" das empresas eólicas e na subministradora low cost, sen ningún beneficio para o País, mentres outras comunidades, como Madrid, optan por non facer actuacións cara ao seu autoabastecemento enerxético; a posición que manteñen a este respecto as organizacións políticas e sindicais estatais na Galiza non é de recibo.

Temos que responsabilizarnos das nosas necesidades enerxéticas, e compaxinar o seu desenvolvemento co retorno económico, no concepto enerxía quilómetro 0; tamén con cambios lexislativos, onde se obrigue á concesión no canto da actual autorización, e coa progresiva participación pública, onde o modelo impulsado pola Consellaría de Industria no Bipartito é válido na situación actual de ausencia da empresa pública galega.

Por iso, "Pero non así".

Comentarios