Opinión

É o novo modelo bancario europeo, non a dixitalización.

Os medios de comunicación bombardean ultimamente co impacto da dixitalización no sistema financeiro, reproducen a mensaxe sen a mínima crítica. A dixitalización é unha escusa para agochar o novo modelo impulsado dende UE cara a unha banca aínda mais especulativa, na que  gaña peso a “banca comercial”.

Os medios de comunicación bombardean ultimamente co impacto da dixitalización no sistema financeiro, reproducen a mensaxe sen a mínima crítica. A dixitalización é unha escusa para agochar o novo modelo impulsado dende UE cara a unha banca aínda mais especulativa, na que gaña peso a “banca comercial”.

A crise económica que arrastramos dende o 2007 nace dunha fonda crise do sistema financeiro que no  Estado Español se sumou á burbulla especulativa sobre a vivenda. En materia de vivenda nada se ten avanzado para evitar futuras burbullas especulativas (u-lo o impulso a vivenda pública e social?), en materia de sistema financeiro imos a peor.

A concentración e a privatización foron os primeiros pasos, pero vai moito máis alá. As entidades financeiras alónxanse aínda máis dos sectores produtivos, o que explica as reticencias de Alemania nesta materia. Os bancos non deben financiar as empresas, nin deben participar no seu capital, para iso as empresas deben ir á emisión de bonos que cotizarán en mercados secundarios, ou contar cos fondos de investimento como socios. 

A dixitalización é unha escusa para agochar o novo modelo impulsado dende UE cara a unha banca aínda mais especulativa

Mentres perde peso a mediación financeira (retribuír o aforro e financiar as persoas e empresas, gañando diñeiro coa marxe), gaña peso a banca comercial (cobrar comisión por “asesorar” á clientela e colocar produtos financeiros). No Estado Español e na Galiza houbo preferentes, pero no resto de Europa tamén houbo escándalos semellantes, lonxe de rematar con ese modelo, afondan nel.

A banca non dará servizos financeiros, coas novas normas europeas os bancos serán plataformas comerciais e as oficinas, “tendas” de produtos financeiros, nomeadamente de produtos “elaborados” por terceiros (aseguradoras, fondos, etc), o persoal dos bancos será “asesor/vendedor” deses produtos, cobrando as entidades polo “asesoramento”. Basta achegarse á denominada MIFID II, implantada como Directiva Comunitaria, para constatar esa realidade. Hai que alertar que os baixos tipos dos xuros facilitan a colocación de produtos complexos, con maior risco que os depósitos tradicionais. 

Chegados aquí non cabe mais que ser críticos co sindicalismo español na banca, CCOO e UGT, aceptaron cambios no Convenio Colectivo da Banca que permitiran avanzar nese modelo, coma destacou a propia AEB (Asociación Española da Banca).

Ademais este modelo comercial conta co denominado “big data” (unha especie de espionaxe das persoas por parte das empresas). Estas, nomeadamente os bancos, teñen cada día máis dados das persoas que a través da técnica do Big Data son utilizados para coñecer e incidir nos seus hábitos de consumo co obxectivo de vender máis. 

Escandaliza a espionaxe dos estados, pero ninguén imaxina o que unha entidade financeira pode chegar a coñecer cruzando os numerosos datos que ten de calquera persoa, sen que a lexislación esixa un consentimento previo para o uso desta técnica.

Escandaliza a espionaxe dos estados, pero ninguén imaxina o que unha entidade financeira pode chegar a coñecer cruzando os numerosos datos que ten de calquera persoa

Que ninguén pense que pode escapar deste circuíto, a UE debate abertamente a desaparición do diñeiro físico, facendo imprescindible ter unha conta bancaria e un smartphone. O autoservizo financeiro, inicialmente debalde, rematará por cobrarse.

Algunhas entidades anuncian plans de reestruturación falando da necesidade de anticiparse á nova banca dixital. O peor para unha entidade é sementar dúbidas sobre a súa solvencia ou recoñecer malos resultados, falar do dixital sempre queda bonito. A dixitalización é unha escusa. O rescate bancario español, deseñado por Europa, foi moi caro para a cidadanía e ineficiente socialmente, xa que fortaleceu á banca especulativa.

Dito isto, aqueles que acreditamos nunha economía ao servizo das persoas e dos pobos debemos seguir apostando pola creación dunha banca pública, no noso caso galega. Non hai outra opción. 

Comentarios