Opinión

Verdades ocultas

O calendario electoral arrastrounos por un longo camiño de comicios, campañas, leas varias e discursos broncos. Mais sobre todo, aquí, ao outro lado dos estrados, os escanos e as tribunas, somos carne de enquisas demoscópicas para pescudar –ou pescudarnos– na intención do noso voto. A min, que nunca recibín unha chamada do CIS nin de Sondaxe nin de 40dB nin de GAD3, sempre me chamou a atención ese afán case obsesivo por medir intencións humanas como se fósemos entes simples, invariables ou, que sei eu, xente de fiar.

Hai oito anos, un colega graduado en cinismo e cum laude en sarcasmo recibiu unha desas chamadas demoscópicas a poucas semanas das eleccións galegas de 2016. Decidiu meterse completamente no papel do votante dun partido que xamais votaría e contestou a cada pregunta coa opción máis nas antípodas do seu verdadeiro sentir. Espallou aquela conversa coa traballadora todo o que puido, como unha anécdota máis da súa colección de burlas inocentes. Segundo explicaba, facíalle chiste responder coa mentira en alta definición "como os que din que están indecisos para agochar o que votan". 

Quizais creu que a empregada ao outro lado da liña era parva, ou quizais tanto lle tiña, pero eu si quedei pensando nela un bo anaco. Que pensarán as persoas que nos chaman para coñecer a nosa intención de voto cando lles respondemos? Detectarán a mentira deliberada no ton, a verdade oculta na dúbida?

Como eu non creo que a xente que manexa os nosos datos sexa parva, paréceme inverosímil que as institucións sociolóxicas continúen a crer na utilidade das enquisas de intención de voto para predicir os resultados das eleccións. Voume situando máis do lado das que pensan que as sondaxes son máis unha ferramenta de orientación social que de medición cando o que está en xogo é a política. Por iso, porque son empresas, e porque quen traballa nelas non nega nin agocha que opera con certa marxe de erro. Esa marxe que tamén marcamos nós cando mentimos, dubidamos ou nos agochamos.

En marzo de 2024, oito meses despois das eleccións estatais que resultaron en ducias de conversas, negociacións e finalmente un goberno despois dos si e os non, séguennos preguntando a quen queremos votar nas eleccións estatais. No medio das nosas verdades ocultas, aposto que quen se amarra aos servizos das entidades de sondaxe ten outras que non conta.

Comentarios