Opinión

O corno invisible

María camiña senlleira polo campo de centeo anunciando un propósito. Non sabemos se se agocha, se pasea, se busca algo ou alguén, se se procura a si mesma ou todo ao mesmo tempo. Na protagonista d' O corno, o novo filme de Jaione Camborda, hai unha determinación que non se resolve ata que o público coñece a todas as mulleres, todas as arestas e todas as mans entrelazadas na Illa de Arousa dos anos setenta. O corno é, en efecto, unha oda á sororidade, que non implica que as mulleres sexamos amigas, compañeiras ou seres de luz, senón as mellores aliadas nun sistema que teima en decidir por nós sobre o corpo que habitamos, coma se fósemos inquilinas dunha casa que non nos pertence.

Unha excelsa Janet Novás encarna esa protagonista que transita polos campos, polos cuartos, polos montes e os galpóns na clandestinidade da noite para acompañar, reconfortar, escoitar, animar, respirar, machucar, ferver e acariñar. Nos partos, nos aleitamentos, nos abortos, en todas as vivencias e as decisións invisibles soterradas polo prohibido ou polo que se dá por feito. Mais María tamén transita para fuxir, porque non é, como semella ao inicio, unha bisagra de mulleres con algo en común. María é un piar que acaba soportando todo o peso que ela mesma se encarga de aliviar. De apertar unhas mans, as súas serán sostidas por outras.

Moitas espectadoras afortunadas non sabemos o que é un corno. Facémonos a pregunta ao longo do ritmo mexedor da cinta, sumidas en cada plano e no diálogo constante da imaxe, potente e máxica por riba do guión. Vemos algo que nos fai sospeitar e automaticamente esquecémolo, presas do carácter indómito de María, do seu andar, da tenrura e da cicatriz. O corno é a metáfora do que non se di, do que non se explica, do que simplemente é porque así ten que ser, digan o que digan os estamentos.

As aventuradas que non sabemos o que é un corno comprendemos o que O corno nos quere dicir. O corno é todo o que aínda non dicimos; a culpa, a vergoña, o medo, o silencio ante o noso círculo; os latexos impostos na consulta, as arengas na porta do centro, a falta estrepitosa de apoio psicolóxico tras un trauma vitalicio nos nosos corpos. Porque somos un pouco máis libres, pero a sombra do corno invisible é alongada. Seguimos a tendernos as mans. Grazas, María. Eskerrik asko, Jaione.

Comentarios