Opinión

Luz de gas

A primeira vez que escoitei o concepto luz de gas estaba en primeiro de carreira. A famosa sala de concertos de Barcelona, templo de numerosas celebracións futbolísticas na primeira era de Joan Laporta na presidencia do Barça, levaba o nome dunha das formas máis silenciosas de violencia machista. Non imaxinei que o letreiro dun local ao que acudían asiduamente as elites da cidade puidera agochar un significado tan escuro, e por iso nunca me cuestionei a súa orixe nos anos que vivín na cidade condal. Tampouco as persoas coas que compartín aquel tempo, a pesar de que a práctica estaba á orde do día en non poucas relacións da nosa contorna, cando non propias; nin sequera as que estudaban Cine eran capaces de relacionar o martirio de Paula Alquist no Gaslighting de George Cukor con aqueles amores que non eran tal.

Agora, catorce anos e unha revolta feminista despois, o concepto transcendeu as marxes da película, a obra teatral na que se inspirou e a sala de ocio. O termo luz de gas está nos beizos dunha sociedade que, a pesar de todo, continúa a ter dificultades para identificar o problema cando acontece fóra da pantalla, ou mesmo cando sucede dentro. Está cada día no prime time, estívoo máis dunha década cun programa para atopar parella que normalizou as relacións tóxicas, e continúa hoxe cun digno sucesor en forma de telerrealidade no que parellas xeralmente pouco sólidas poñen a proba un amor que adoita rematar coa luz de gas máis potente coñecida: a negación dos feitos que a vítima, e toda a audiencia, acaba de ver repetidamente na pantalla, cometidos con nocturnidade e aleivosía.

O máis grave da luz de gas non só reside na capacidade de convencer a vítima de que o que acaba de ver ou concluír é mentira, senón na de persuadir do mesmo a todas as persoas espectadoras, as únicas capaces de frear un auténtico bombardeo emocional contra a lucidez. O máis grave da luz de gas é que transcende a pantalla e a parella porque quen a exerce é capaz de facer pasar por tola a unha ministra de Igualdade ou de ignorar a voz crítica de todo un movemento feminista ante unha campaña institucional polo 25 de novembro, como aconteceu ante o derrotista e desafortunado "non debería pasar, pero pasa" da Xunta de Galicia. Cando quen debe iluminar e protexer a toda a sociedade contra o maltrato cae na nula autocrítica e na negación, aí hai moita violencia e moi poucas luces.

Comentarios