Opinión

Contra o silencio

Estamos ás portas de outro 25 de novembro e aínda se nos encollen as tripas ao bater contra o silencio, o medo e a impunidade da que aínda se beneficia a violencia contra as mulleres. É o que acontece ao ler os testemuños anónimos de preto dun cento de mulleres xornalistas e comunicadoras recollidos pola asociación Xornalistas Galegas ao longo de varias semanas, e que acabamos de sintetizar nun pequeno informe. Lelos e recoñecelos. Saber que somos nós, ou que o fomos nalgún intre.

Abusos de poder por parte de superiores, persoas da política e das institucións; alusións continuadas ao físico e comparacións; proposicións inapropiadas e absolutamente fóra dun contexto laboral; desprezo ás nais e banalización das baixas por maternidade; fea e menopáusica como insulto; acoso e agresión sexual. Un acoso e unha agresión que afecta moi especialmente ás bolseiras, o elo máis débil dunha cadea de abusos velados nunha profesión, o xornalismo, moi feminizada nos postos medios e baixos e altamente masculinizada nos órganos de poder. E o poder, lamentablemente, non se arranxa só con feminizalo, senón cunha formación seria, regulada e específica sobre perspectiva de xénero. Os Dereitos Humanos da metade da poboación.

Falamos de condicións laborais, mais tamén poderíamos falar de enfoques xornalísticos, de responsabilidade coa audiencia, de poñer a violencia machista e a información relativa ás mulleres nun contexto rigoroso, contrastado e igualitario. En poucas palabras, probablemente abondaría con que houbese alguén ao volante que soubera conducir.

Non é Galicia o único escenario no que as xornalistas e comunicadoras vivimos a desigualdade e a violencia do sector na nosa propia pel, pero si un, e tras el agóchanse nomes e apelidos, persoas que xa non están e outras que continúan, prácticas comúns, naturalizadas e interiorizadas e demasiadas veces amparadas polo silencio. O silencio de quen ve, escoita e cala e o silencio de quen sofre a violencia por medo ao estigma, o sinalamento e a represalia. O silencio de quen non se quere meter nunha cousa que, entende, non vai con el nin lle compensa. Non todo o mundo é igual, por fortuna, e moitas aferrámonos á ilusión de que semella que algo cambia. Malia os silencios, os parabéns en privado, a atmosfera do incómodo, aquí estamos contra o silencio. Nin unha menos. Nin unha máis.

Comentarios