Opinión

As cousas lentas

De todos os focos mediáticos que nos ocuparon nos últimos días, que non foron poucos, quédome co éxito rotundo das "caixas lentas" que implementou unha cadea holandesa de supermercados en 200 puntos de venda. A iniciativa, dirixida ás persoas maiores, ten por obxectivo axudalas a combater a soidade. De feito, o seu nome orixinal, kletskassa, significa, literalmente, "caixa faladora". "Os nosos locais son un lugar de encontro", explicou o director de comunicación da empresa. Resulta que aquí, aínda que de xeito accidental, ocorreu algo semellante. Dende que a empresa de supermercados máis facturadora de España introduciu un espazo para comer nos seus establecementos co obxectivo de promover a compra e o consumo dos seus pratos preparados, as mesas énchense a diario de xente maior que acode para xantar en compañía.

No fragor da discusión mediática sobre as caixas lentas, varias persoas achegaron outro aspecto que eleva a desfeita social causada pola aceleración dos ritmos de vida máis alá das maiores de 65: admiten que, de emularmos o modelo nos supermercados en España, non se imaxinan capaces de manter unha charla con alguén pola extenuación que lles ocasiona a súa xornada laboral. E non son as únicas. Acontece que, cando non se trata dunha cuestión profesional, o que moita xente procura cando conduce pola autoestrada da vida é chegar á casa para gorecerse no silencio, na soidade da que xustamente foxen as persoas maiores; unha necesidade apremiante de satisfacción inmediata que vai no sentido contrario do que as anciás e o resto da sociedade necesitamos para o noso benestar a longo prazo.

Todo isto explica moi ben como é posible que unha medida tan básica para as relacións sociais como falar distendidamente con quen nos atende nun establecemento nos resulte tan innovadora: vivimos baixo a ditadura do estrés e a présa, dun xeito tan naturalizado que xa somos nós mesmas as que apertamos os ritmos vitais para adiantar, pola dereita ou pola esquerda, os quefaceres da vida cotiá e sortear o fenómeno reparador da conversa. Hai uns días, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, abría o melón da redución da xornada laboral. Moito me temo que, para que a medida teña éxito, será imprescindible reformular todo o modelo de traballo, de forma que nos permita incorporar ás nosas dinámicas individuais o modelo balsámico das cousas lentas.

Comentarios