Opinión

45

A min, que non teño nin idea do que se sente ao ter 45 anos, non me cadran as teorías. Despois da quinta maioría absoluta do Partido Popular en Galicia do pasado domingo revive a estatística que dende os anos 90 apunta a unha dereitización da sociedade galega ao acadar o meridiano da corentena. Agora que despois destas eleccións nos din que os gráficos volven dar o mesmo resultado, eu, como Manuel Rivas tras a morte de Arsenio, non estou de acordo.

Son moitas as persoas do meu círculo próximo nacidas nos anos 1978 e 1979. Algunhas con nais e pais migrantes retornados, nacidas no estranxeiro, as primeiras en moitos casos con estudos universitarios na súa familia; outras coa conciencia de ser as que primeiro se queixaron polas peores condicións no acceso ao mundo laboral; e algunhas, bastantes delas, co sustento fundamental da súa contorna para vivir. Adultas no cambio de moeda e adolescentes na España de Aznar, a infamia das nenas de Alcàsser e o jacuzzi de Jesús Gil. Adultas, tamén, no abandono daquela época que semellaba brillante e agora se autorretrata tan escura.

Con máis ou menos sorte no camiño, visualizo as de 45 camiñando como acróbatas nunha corda pola ponte xeracional entre boomers e milenials que enchen os titulares. Adaptáronse a todo e, quizais por iso, dámolas por sentado, por estar no medio. A min, que me gusta mirar a xente aos ollos cando fala e ás mans cando vota, róldame a cabeza esa muller de corenta e tantos que acudiu ao colexio electoral do centro da Coruña soa cos seus dous cativos. Tomou o seu tempo entre os berros e as pelexas fraternais, cos ollos cansos e a voz feble, tratando de concentrarse entre o tumulto infantil, ata que por fin colleu a papeleta do partido vermello. Nese intre, atropelándoa, entrou un home bronceado da mesma quinta con zapatillas deportivas caras que, nun movemento fugaz e automático, case arrincou a papeleta do partido azul do montón sen mirar para ningunha outra, nin para nós, e colouse axilmente na fileira da urna.

Lémbrome deles, tan diferentes baixo a primeira ollada dunha descoñecida, mentres escoito falar da xente de 45, do rural e das súas redes clientelares, e imaxínome a min con 45 anos nas eleccións de 2036. Pregúntome se niso da preferencia política das nacidas a finais dos setenta e primeiros dos oitenta non nos pasará por alto, mentres apuntamos á idade, a cuestión crucial do privilexio.

Comentarios