Opinión

'Outro tipo de "carretaxe"?', por Casto Magalláns

Após vivir as miñas primeiras eleccións como apoderado e antes de vivir outras en xullo, quero expresar algo no que me fixei: a carretaxe na mocidade. No tempo en que estiven no colexio electoral foron moitos e moitas mozas de entre 18 e 25 anos votar, cousa que eu non esperaba. Decateime de que a gran maioría traía o voto da casa ou á hora de coller a papeleta no propio colexio, collían a que lle ordenaban pais, nais, avós...

Fago a reflexión de que ata que punto iso é bo ou malo, ata que punto son cuestionables ou admisibles estes comportamentos nunha suposta democracia, por que non se lle deixa á mocidade poder ler os programas dos partidos políticos? Interesarse por estes e decidir eles e elas mesmas a súa ideoloxía, que decidan o voto para quen queiran, que voten o que crean que é mellor para si mesmas, coa opción e o dereito de equivocarse na elección e poder mudar ese voto no futuro?

Tiven a sorte de non ser influenciado pola familia e amigos, sempre fun libre para pensar e ser o que quixese, iso si, aconsellándome cando podía estar errado. Fun libre para decidir a miña ideoloxía, a quen votar e que pensar. Con isto quero facer ver que a mocidade segue vivindo nun paternalismo estrutural que debemos mudar, por iso, pido que se deixe aos mozos e mozas ser e pensar libremente, se nos equivocamos, seguro imos aprender diso e, se non, actuar como familia e amigos aconsellando. Deixemos que a xuventude sexa libre.

Casto Magalláns (Nigrán)

Comentarios