Opinión

'A tecnoloxía invade a nosa vida cotiá', por Luis E. Pérez

Un grupo de amigos acordamos reunirnos na noite especial da “lúa azul” para contemplar o ceo dende os marabillosos cantís de Loiba, no concello de Ortigueira. Mentres acababan de chegar, sorprendeume ver de súpeto unha fileira de luces semellantes ás estrelas, que se movían lentamente cara a arriba na dirección da liña recta que trazaban no ceo.

Á mañá seguinte o misterio desapareceu cando unha amiga informounos de que era un dos moitos lotes de satélites Starlink que Elon Musk pon en órbita. Nunha das informacións que compartiu, expresáronse as queixas dos astrónomos que consideran que estas fontes de contaminación luminosa, que reflicten máis luz da calculada inicialmente -e que son progresivamente máis abundantes-  dificultan cada vez máis o traballo dos telescopios que investigan o universo. 

O empresario, actual líder da innovación tecnolóxica no mundo, xustificouse expresando o beneficio de achegar Internet a millóns de persoas con menos recursos e negando o dano ao traballo dos astrónomos.

Ese argumento conectoume co que empregan certos empresarios, políticos e medios para explicar á opinión pública que case todos os proxectos de polígonos eólicos que invaden masivamente a xeografía galega proporcionan un balance beneficios/custos moi beneficioso, incluso para os que vivimos no rural. Aquí en Ortigueira, onde temos mais de cen eólicos en funcionamiento, intentan contra a vontade da xente sumar monstros de douscentos metros de altura.  

Luis E. Pérez (Ortigueira)

Comentarios