Opinión

'Que non nos movan os marcos', por Elia Rico Lagarón

De sempre se matou pola invasión da propiedade, aínda que en xustiza non houbese razón ou que este ignominioso feito non xustificase o valor da perda real, pero era de recibo defender o respecto e a idea de que serían graves as consecuencias de facerse coas nosas mercadorías ou de que estas se liberasen do dominio do amo, sen permiso ou sen ser abandonadas. As mulleres fomos unha mercadoría coa que se intercambiaban favores, se pagaban prebendas, ou se obtiña o favor do cacique ou poderoso. Fomos moeda de cambio, coma sal, e aínda que disto hai pouco ou nada escrito porque avergoñaría mesmo os nosos parentes e a sociedade, poden oírse historias vergoñentas que nos fan pensar que houbo e hai moitas mortas en vida. A Igrexa rexistra un pecado mortal: "Non desexarás a muller do teu próximo". Nada di de que as mulleres puidésemos desexar os homes das nosas "próximas". Non facía falla. Se algo ocorría nese senso a sociedade encargábase de que as pedras dos camiños se erguesen contra nós ao noso paso. Os tempos foron avanzando e a muller parecía que podía ter vida propia; pois que nin se lle ocorra pensar iso; terá a que o sistema do patriarcado lle outorgue e se gosta das boas maneiras, e é boa e submisa, ata poderá gozar dalgúns beneficios que non lle son propios; se non, sufrirá o que significa querer liberarse sen protección. Vai sendo hora de que 'Deus' devolva a Adán a súa 'costela' e que nos faga libres ou non nos faga. Non se lle nota nada que lle falte a famosa 'costela', as que aínda andamos trencas somos nós.

Elia Rico Lagarón (Ferrol)

Comentarios