Opinión

'O foro da educación que falta', por Xaime Estévez Vila

Nesta pasada fin de semana celebrouse en Vigo a VII edición do “Foro de Educación”, “una nueva edición del mayor evento educativo de Galicia” como reza na publicidade feita en perfecto castelán.

No meu instituto, o IES Álvaro Cunqueiro, levamos un inicio de curso ben complicado, como en todos supoño, coas clases ateigadas a trinta por aula, reunión dos titores coas familias e preavaliacións nas que falamos de cada alumno...

Escoitar falar da educación a xente especialista pode ser un privilexio e de seguro que podemos valorar moito esta oportunidade, pero na miña opinión os temas prioritarios para tratar neste momento deberan ser os que analizasen a situación actual do noso sistema educativo: a ratio do alumnado tan elevada, a falta de orientadores educativos, a imposible atención á diversidade, a comparación coa mellor educación noutros países, a falta dunha política de incentivos para a profesión docente, a selección dos profesores do futuro, a dicotomía entre o privado e o público, o horario lectivo en comparación con outras realidades, a desatención á inmigración, os propios recortes no orzamento para educación… temas básicos que non melloran.

Non podo concordar co “Don´t worry, be happy” dun planeamento que non critique o que se está facer mal . O que podía ser una oportunidade convértese nunha cortina de fume na que poderíamos poñer de banda sonora a famosa canción de Bobby Mc Ferrin.

Xaime Estévez Vila (Vigo)

Comentarios