Opinión

'"Extremismo inaceptable"', por André Piñeiro González

Nos últimos días presenciamos unha serie de manifestacións multitudinarias. O motivo das mesmas non debería estrañar ninguén, xa que resulta comprensible que o acordo gobernamental e a "amnistía" a Puigdemont e outros dirixentes independentistas cataláns faga aflorar o descontento de importantes sectores da cidadanía. Non obstante, ditas protestas non se desenvolveron da maneira pacífica que algúns poderían supoñer e derivaron en accións certamente vergoñentas.

Sen negar a hipocrisía de Puigdemont e de moitos integrantes de Junts, xunto co oportunismo político desta medida (que seguramente autorizaría o propio PP se estivese en tal situación), existe un trasfondo político que resulta preocupante. O PP e Vox levan anos alentando un discurso baseado no odio e na crispación, clamando contra un goberno democrático ao que non aceptaron desde o primeiro minuto. Tras calumnialo e tildalo de  "frontepopulista", "bilduetarra", "comunista" (como se este termo fose un insulto) e "ilexítimo", resulta chamativo que Cuca Gamarra e Abascal, entre outros, finxan sorpresa polos excesos que se están a dar nas rúas como resposta ás súas arengas. Mesmo o propio Feijóo lanza discursos pouco tranquilizadores que recordan aos de Gil Robles en 1933.

No caso de que sigan existindo voces críticas na dereita, estas deberían condenar as algaradas e a violencia dos últimos días, con ataques á Policía e ás sedes socialistas e o acoso aos periodistas (mesmo chegando a insultar ao monarca, ao que supostamente defenden tanto os centralistas).

André Piñeiro González (Vilagarcía de Arousa)

Comentarios