Opinión

'Casas abandonadas, con fiestras abertas', por Rosa Alonso Lozano

C asas abandonadas, con fiestras abertas e portas que non pechan, paredes comestas polas herbas e polo implacable peso dos anos é a imaxe que podemos atopar no rural galego, un rural esmorecido que vive en silencio un despoboamento sen precedentes. Para algúns, algo inevitable ao non garantir uns servizos mínimos, presentes nas cidades; para outros, un verdadeiro drama, pois agocha a morte dun vivir tradicional inzado de valores, de principios... un xeito de ver o mundo que nos caracterizaba como galegos, porque... non nos enganemos, que as nosas aldeas desaparezan leva consigo o falecemento da nosa identidade, do que nos fai distintos do resto dos habitantes do planeta. Con esa lenta defunción, ademais, morre tamén o principal estandarte da nosa cultura; o idioma.

Moitos poderán dicir que a morte do rural era inevitable dado que nel non hai infraestruturas e servizos básicos, e menos para a xuventude, argumento todo cheo de razón, pero fácil de rebater se pensamos en todo o bo que só este hábitat nos pode ofrecer: calidade de vida, alimentos máis "naturais", ou relacións interpersoais máis humanas. Cómpre, porén, que os nosos políticos se comprometan con el, e non se cingan só a facer fermosos lemas como "Ruralízate". Tras esas casas baleiras das nosas aldeas está tamén a nosa morte identitaria. De nós depende agora se preferimos seguir "vivos," ou se escollemos morrer, pero coas comidades dunha globalización depredadora.

por Rosa Alonso Lozano (Galiza)

Comentarios