Opinión

Voz, silencio e silencios

Voz. Houbo un tempo no que buscamos palabras. Palabras claras e rotundas que recolleran o silencio das mulleres que sofren violencia. Violencia por ser mulleres. Non era fácil. Era tan cómodo e funcional esconder a dor baixo a verba paixón. Crimes pasionais, cousas fóra de control dos tolos e os homes malos. Crimes que ocorrían nas casas, porque nos fogares, xa se sabe que hai mulleres que se pasan, algunhas non teñen claro o seu lugar. Non é que o mereceran, mais pode ser que algo fixeran.

Houbo un tempo no que buscamos palabras. Palabras precisas como violencia machista ou feminicidio. Tan insurrectas eran as palabras que sacaron a dor do espazo privado das paredes do familiar e inundaron rúas e institucións. Tan insurrectas que foron quen de facer leis, de crear programas e recursos para as mulleres que perdida a súa voz tentaban recuperar a súa vida. En moitas ocasións tamén a dos seus fillos e fillas. Que palabras esas, capaces de sinalar o patriarcado, miralo aos ollos e refacer a vida.

En 2005 instalamos o salario da liberdade. Non sen polémica pública. Unha axuda económica para mulleres que tentaban saír da situación de violencia, co tempo regulouse por lei. Igual que o acceso á vivenda, a bolsa de emprego ou as axudas de libros. Rematouse co violencia? Non. Mellorouse e mellórase día a día a vida dalgunhas mulleres? Si. Poderíase ter feito sen escoitar e recuperar a voz das mulleres? Penso que non. A liberdade, como a xustiza, necesita voces.

Silencio. Un minuto. Sesenta segundos. Un segundo. Apenas unha das oitenta seis mil catrocentas partes nas que se divide un día. Un minuto de silencio. Un símbolo de respecto durante unha desas pequenas partes do noso día cando un feito conmove. A morte conmóvenos. Unha perda, unha enfermidade ou a dor apela ao que de humanos temos e debería obríganos a mirar desde un espazo de respecto. Un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista remata coa violencia? Non. Devólvelle certa dignidade á memoria desa muller? Si. É un recoñecemento que as institucións realizan para lembrarnos que a violencia machista segue aí. Non porque sexa unha lacra. Segue aí porque non eliminamos os condicionantes sociais que a provocan, a lexitiman e a normalizan no máis cotiá. Non eliminamos o machismo.

Silencios. O non dito é o peor dos silencios. Fica agochado, a punto de estourar. Hai demasiados silencios cómplices. Non escoito as mulleres da dereita. Esas mulleres que saben que un minuto de silencio non é propaganda. Esas mulleres que saben o importante que é ter unha boa atención psicolóxica ás vítimas da violencia, que saben da importancia da prioridade no emprego ou no acollemento. Mulleres que saben da importancia dos puntos lilas, dos centros de información as mulleres, das axentes de igualdade ou das concellarías de igualdade. Non as escoito. Estou atenta porque agardo escoitalas e non só en privado ou polo baixo. 

Escoitar é unha difícil tarefa nun mundo onde o ruído nos invade, perigan voces e os silencios impóñense.

Comentarios