Opinión

Violencia lexitimada

As imaxes violentas aínda causan sorpresa. As palabras xa non tanto. De novo temos que falar da importancia das palabras. Palabras que en forma de insultos, descualificacións e ameazas enchen parlamentos, rúas ou redes sociais como tal cousa. A sesión de investidura de Sánchez ou a crispada campaña en Arxentina son dous exemplos recentes.

Quero determe nun aspecto, a lexitimación que desde a dereita se realiza da violencia. Xa pasado o debate parlamentario, e no que debería ser unha fin de semana de reflexión ante o que vai ser a próxima lexislatura, non se baixa o nivel de crispación e a condescendencia cos violentos. A crítica política non pode deslizar a comprensión da violencia diante das sedes de ningún partido político en ningún caso. Durante días coreáronse cantos fascistas como se fose algo que ten cabida dentro da liberdade de expresión. Restóuselle importancia a falar en termos de golpe de estado ou eliminación da democracia. A tolerancia coas persoas que portan simboloxía nazi ou as desafortunadas afirmacións de cargos electos da dereita sitúan a tolerancia ante a violencia verbal, incluso física, nun chanzo cada vez máis elevado.

Ás veces penso que cando non se condena con rotundidade a violencia, hai quen cre que será quen de controlala ou usala no seu beneficio. Mais a violencia corre soa e non acepta ben ser reseteada como se fose un xogo na consola. O problema de lexitimar a violencia é que vai coándose no imaxinario de moitas persoas como unha forma máis de expresión. A situación mundial fálanos da frustración e da ira como un caldo de cultivo para as saídas demagóxicas que en moitos casos aceptan e lexitiman a violencia.

Como parte da recente violencia quero reparar no uso da palabra "puta". Palabra que é unha constante para insultar as mulleres que están en política ou os homes a través das súas nais. Tan de uso común é que hai poucos días uns alumnos tentaban convencerme que agora xa case non é un insulto. É certo que está nun proceso importante de resignificación que podemos aplaudir. Non obstante, o seu uso, incluso gráfico a través da imaxe dos bonecas da semana pasada, sinala a unha infravaloración do feminino e a unha rabia polo exercicio do poder na esfera do público das mulleres. Ante os avances en igualdade e paridade, a ira masculina exprésase na burla ou na demanda de control sobre as mulleres que o mercado do sexo de pago e trata lles permite.

Non hai ningunha violencia lexítima. Hoxe é obvio, debemos repetilo e explicalo sen descanso porque os ventos rolan rápido e non son xustamente os da razón os que moven as masas. As desigualdades sociais e as dificultades para imaxinar un futuro mellor levan a unha parte da mocidade a unha nostalxia fascista que debemos encarar non con máis berros, senón, como dicía Concepción Arenal, con máis educación.

Esta ía ser a sociedade do coñecemento, logo quedou na da información. Mais ao paso que imos, se cadra ficamos na sociedade da mala educación. Agardemos non dar pasos cara a unha sociedade do odio.

Comentarios