Opinión

Sempre putas

Incríbel e indignante. Estes adxectivos enchían as redes sociais despois da denuncia da compañía teatral A Panadería. As súas integrantes, transitando entre a sorpresa, o enfado e a tristeza, relataban como un grupo de escolares esnaquizaban a berros unha representación da premiada obra As que limpan. As súas gorxas, logo de tanto esforzo, tamén estouraban. Remataron sen fala, mais seguro que as cordas vocais poden recuperarse, a sensación de que algo vai mal nunha sociedade chea de mala educación e machismo perdura.

Isto podería ser unha anécdota. Non o é. É un síntoma. Algo que vimos constatando as docentes nos últimos anos. Son unha minoría? Pode. Sempre estiveron aí? Pode. Non obstante, os síntomas por leves que nos semellen non debemos obvialos ou agochalos. Mellor analizalos e prepararse para unha posíbel infección. Certo que esa violencia verbal contra as mulleres e o feminismo non é nova, pero si ten características propias destes tempos. Características que vemos de xeito bastante xeneralizado nas redes ou nos programas de televisión: a impunidade ante o insulto e a confusión entre a liberdade de expresión e a mala educación.  Pode que unha parte da sociedade xa asuma isto como o habitual, e minimice o comportamento da mocidade cando o reproduce. 

Os mozos que increpaban as actrices resumen con dúas palabras o estado da cuestión do antifeminismo que se promociona en programas e foros, a saber, Limpa puta. Isto é, volve ao teu espazo, ao que debes facer. Limpar. Unha actividade necesaria para a vida e completamente infravalorada. Volve a túa obrigación que é espazo privado da casa ou da limpeza sen dereitos das empregadas do fogar e das explotadas nas empresas de limpeza. E volve lembrando que podo insultarte pola túa sexualidade sempre que o desexe coa palabra máxica puta. Podo insultarte se saes demasiado, se ligas demasiado, se mandas demasiado, se cobras demasiado, se falas demasiado ou se consegues demasiados dereitos. Pois xa sabemos que as mulleres estanse pasando coa leria de ser iguais e os pobres homes non poden co estrés que isto lles produce.

Diráseme que estou esaxerando. Diráseme que non fixeron tanta teoría cando berraban como unha manda desde o anonimato das butacas dun teatro. De acordo, eles non son uns teóricos sociais, pero alguén está alentando esa reacción. Eles repiten e, incluso, incrementan algo que percorre a sociedade como un espectro, o desprezo ao feminino. Unha sociedade que pode aceptar as excepcións, mulleres con poder que gobernan ou investigan. Só as excepcións, non a consolidación dos dereitos para todas. E todas limpamos. 

As actitudes non mudan só co estudo do avance dos movementos polos dereitos humanos ou as loitas feministas. Os prexuízos perviven na sociedade. Cando mudamos o foco do importante e interrogamos os nosos prexuízos, cuestionamos, por exemplo, quen limpa e quen ensucia, móvese algo profundo. Algúns berran. Outros seguro que reflexionan. Ou non. En todo caso, hai moito que sabemos que puta non é un insulto. É a súa debilidade nun estertor enfurecido. 

Comentarios