Opinión

Remamos contracorrente

Lembro a miña primeira folga no ensino. Estabamos no inicio dos anos noventa, loitabamos polo corpo único de docentes. Eu acababa de aterrar no ensino. É obvio que era nova e estaba ilusionada cunha profesión que, desde fóra, sempre semella moito máis fácil que cando cruzas a porta da aula. Lembro asistir a longos e quentes debates na sala do profesorado. Un cambio importante mudaría o ensino e a polémica presidía un choque de visión sobre que é ensinar e educar.

Na miña opinión aquela polémica lei, a LOXSE, mellorou moito a Formación Profesional e a Educación Primaria. No que se refire á Secundaria e o Bacharelato teño dúbidas de que acertara, nin esa lei nin todas as reformas sucesivas.

A Educación Secundaria é unha etapa decisiva na vida de mozos e mozas. Entran no instituto despedindo a infancia, durante catro anos, sofren todo tipo de cambios físicos e mentais. Se cadra, no momento da súa vida que máis atención necesitan, decidimos que se enfronten a unha cantidade enorme de materias, a un cambio de profesorado cada cincuenta minutos e a unha ratio de trinta por aula.

Por algunha razón que descoñezo consideramos que unha nena ou un neno de seis anos require unha atención maior que un adolescente de terceiro da ESO. O curso pasado tiña dous centos corenta e oito alumnos e alumnas, setenta e catro eran da ESO. Cando saía da aula necesitaba sentarme porque sentíame exhausta do esforzo físico e mental que me supoñía, xa non atendelos de xeito individualizado, senón organizar a trinta adolescentes para que aprenderan e se respectaran.

Durante as últimas décadas o profesorado sentímonos abandonados pola administración. Tamén pola sociedade. O noso traballo non é valorado. O coñecemento está cuestionado ou desprestixiado. A linguaxe da empresa e o rendemento enchoupa toda a burocracia docente. Corremos de aula en aula nun ritmo acelerado que pouco ten que ver coa calma que necesitaría a cacarexada atención á diversidade. Ensinar e aprender sempre require de tempo de calidade. Tempo para preparar aulas, tempo para corrixir, tempo na propia aula para coñecelos. Sempre remamos contra corrente.

Tres décadas despois volvo estar convocada a unha folga. Teño unha sensación de desacougo. A administración galega ven de facerse unha foto coa que pretende de novo dividirnos como colectivo e pechar un acordo en falso. Fálanos de revisar as ratios de Secundaria en 2026 cando temos as aulas cheas hoxe, cando a Consellaría vén de obrigar á docencia virtual a un número importante de ciclos formativos primando a cantidade sobre a calidade, cando abandonou o ensino rural nos últimos catorce anos pechando as escolas unitarias.

Na concentración daquela folga do curso 90-91 coñecín a Braulio Amaro. Unha excelente persoa, a que lle debo, a maiores de sindicalizarme, moitas experiencias de loita e compromiso. Dúas palabras que semellan antigas. Resoan como un eco na memoria. Non obstante, se son sincera, creo que se algo necesitamos é compromiso. Tamén loita. Eu o 24 estarei en folga.

Comentarios