Opinión

Que din os rumorosos...

Unha épica da violencia verbal percorre a política. Todo está permitido nunha batalla que, desde hai un tempo, toma o nome de gañar o relato. A primeira consecuencia é unha perda xeneralizada do valor da palabra. A segunda, unha desconfianza da poboación nas institucións e na política. Terreo abonado para que a semente do odio e a violencia física prenda. Logo, desde a ciencia política pretenderan explicar que personaxes como Milei ou Trump conecten cunha cidadanía empobrecida e nihilista. Neste contexto da furia polo relato estamos instaladas. Supoño que aí seguiremos.

Pendentes da loita sen piedade polo relato da presidencia do Estado colouse no Parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular. Sen focos, sen analistas e cun espazo discreto nos medios, a posibilidade de restaurar o himno galego á luz do avance do coñecemento e a acumulación de probas sobre os erros do texto, suscitou un debate interesante. Interesante pola magnífica exposición do experto Manuel Ferreiro, que recomendo a súa lectura para coñecer a orixe das grallas e erros do texto hímnico. Interesante tamén pola reacción do socialismo galego e da dereita. Xuntos votaron en contra da toma en consideración do ILP proposta por Vía Galega.

Transcorreron vinte e sete anos desde a primeira vez que a Cámara galega abordou a pertinencia de revisar un dos Símbolos de Galiza, recollido na Lei de 1984. Desde entón libros como o da profesora García Negro ou os estudos do propio Ferreiro avalan a necesidade de restaurar o texto. A propia natureza lexislativa dunha ILP, a que estou a comentar recolleu 16.000 sinaturas cidadás, permite que se é tomada en consideración se cree unha ponencia que permita a presentación de emendas por parte dos grupos políticos e que, de ser o caso, poida chamar a persoas expertas se se considera necesaria a súa comparecencia. Con este procedemento non se entende que o PP, e moito menos se entende que o Partido socialista, decidiran votar en contra e argumentar que apostan por crear unha Comisión de estudo. Unha Comisión de estudo? Revístese de dúbida epistémica o que ten unha lectura política en clave de eleccións galegas. Nada será apoiado, por mínimo e razoábel que sexa, que poida poñer en valor un nacionalismo galego á alza.

A desilusión do grupo propoñente, que durante meses levou esta iniciativa a rúa e propiciou o debate, foi grande. Semellaba que os tempos eran chegados para eliminar erros e impulsar o coñecemento do himno entre a cidadanía após de 115 anos da súa primeira interpretación na Habana. Novos datos e probas obxectivas avalaban a toma en consideración desta ILP. Mais o debate era outro, por incompresíbel que semelle. Pode que os rumorosos pregunten por esta negativa. Pode que non,  saben, que igual que co Panteón, chegará o seu momento e, polo que sei, andan de festa celebrando que os premios nacionais de narrativa, literatura dramática e poesía ou a Cuncha de Ouro se declinan en feminino e en galego. Parabéns ás gañadoras e ao talento dunha cultura que medra allea aos relatos que a limitan.

Comentarios