Opinión

Pinocho en Génova

Pechouse o colexio electoral con puntualidade. Miraba aos apoderados da dereita felices de mesa en mesa, mentres unha gran cantidade de voto por correo ía sendo introducido nas urnas, cando unha amiga me enviou unha mensaxe en estado de pánico. Os resultados das primeiras enquisas son terríbeis dicía.

Comezou o reconto, pasaban os minutos e as caras mudaban. Os felices comezaban a mirar os móbiles, a chamar de xeito compulsivo. A dereita non arrasaba. No centro de Vigo, onde eu estaba, incluso quedaba por detrás da esquerda en todas as mesas. O desconcerto dos apoderados do PP era un síntoma do que estaba a ocorrer. Feijóo non ía estar á altura das expectativas. Nada peor en política que defraudar os teus. 

De súpeto a prepotencia e as mentiras teñen un custo. Hai quen dixo que non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo. E semella que desta volta foi así. Nunha semana de campaña, moita xente viu o que en Galiza sufrimos durante anos. Un líder mediocre. Un señor que chegou ao goberno en 2009 mentindo e cunha prensa que sempre lle aplaudía. Cando unha xornalista contrastou os datos, a resposta foi un Feijóo en estado puro: prepotente e faltón. 

Feijóo alentou odios. Deixou que se empregara un lema vil como o de Txapote, sen entender que todo ten un límite. Alentou o insulto a Sánchez, o insulto á persoa, e de novo atopou que todo ten un límite. Agora está atrapado na máis aceda das vitorias. Non pode pactar con ninguén, só con Vox, que xa lle leu a cartilla na noite electoral. Xa lle lembrou Abascal que nunca se vende a pel do oso antes de cazalo, e eles diso da caza deben saber, tamén que nunca se gaña un debate por incomparecencia. Alentou odios e recolle o sorriso cínico de Ayuso entre cánticos ayusistas. Alentou odios e escoita, de fondo, o suspiro de alivio de millóns de persoas ás que lles pesou máis os ecos de dignidade dun non pasarán que as loitas internas, os egos e outras miserias humanas.

Fica moito por analizar. A mobilización das mulleres, do feminismo e do movemento lgbti para non involucionar. Toca falar sobre as leis feministas, que de ser unha pedra no zapato, transformáronse na contención contra a ultradereita. O nacionalismo vasco e catalán tamén dedicarán os seus tempos á reflexión. Bildu en ascenso e o PNV cunha necesidade de escoitar o cambio xeracional que vive Euskadi. En Cataluña, a complexidade da situación esixe de máis política que nunca, agora si que se abre un escenario de pactos inédito até o momento.

Pola nosa terra tampouco estamos para dar saltos. Agardábamos outro resultado en clave galega. A subida en votos do BNG sabe a pouco. O esforzo de miles de persoas para ter unha voz forte no Congreso merecía outro resultado. Certo é que nas campañas tan polarizadas, como veñen sendo as xerais desde 2015, custa atinar coa mensaxe e conseguir visibilidade mediática.

O pobo galego sabe de resistir e insistir con forza e alegría, así que este 25 de xullo vémonos nas rúas de Compostela. En Galiza freamos a Vox e tamén frearemos o PP. Voemos sobre a nosa terra no abrente deste día. Alba de Gloria.

Comentarios