Opinión

Pasou o día

Pasou o día, pasou a romaría. Di o dito. Non hai lazos violetas nas solapas, gardamos as camisetas negras, os concellos retiran os carteis, os institutos seguen cos exames e as avaliacións, os equipos de fútbol e baloncesto gardan a franxas que exhibiron a fin de semana e novembro segue o seu curso de compras e luces de Nadal. Todo en orde.

O día despois. Sen titulares nin conmemoracións unha muller é asasinada. A súa filla de tres anos tamén. Cosidas a coiteladas. Cincuenta e tres mulleres asasinadas en once meses. Trece máis que o ano anterior. A pregunta dos medios de comunicación é coñecida: en que fallamos? Mais acaban de publicar entrevistas e análises das expertas hai só un día respondendo. Acaban de ser coreadas nas manifestacións as demandas dun movemento que ten claro que o machismo é o problema. Non obstante, hoxe é outro día e outras noticias impoñen a súa prioridade. Nai e filla son outras vítimas que se suman á estatística.

Estatísticas que falan dun aumento da violencia machista entre os menores do 18 anos nun 28,6%. Isto é, de mozos e mozas que naceron coa lei integral contra a violencia de xénero aprobada no 2004. Unha lei que facía fincapé na educación en sentido amplo como factor fundamental da prevención. Que poñía o foco en desenvolver programas para a mocidade. E, pola contra, vemos que un 25% das mozas que naceron neste tempo afirma ter sufrido violencia psicolóxica e un 15% control a través do móbil. Datos para pensar devagar.

O momento é complexo. Por unha banda, un número maior de mozas e mulleres entenden que acabou iso de calar e aceptar o control. Detectan a violencia e combátena como a estratexia do patriarcado para a submisión das mulleres. Por outra, a infravaloración do feminino e as críticas ao feminismo desde un movemento amplo de ultradereita foi calando entre os rapaces máis novos desencantados desta sociedade. Teñen moitos altofalantes nas redes e na internet. A pornografía segue a marcarlles un camiño de violencia extrema contra as mulleres que ninguén regula, nin se atreve a comentar na axenda política. De feito, importa tan pouco a igualdade que se eliminou a única materia de igualdade de xénero que existía nos centros educativos e non ocupa nin unha liña nos xornais, nin unha triste conversa nos faladoiros.

De verdade estamos preocupados pola violencia machista? Non. Témola completamente normalizada. Incluso negada por parte dalgúns. Os actos deste sábado son fotos de galería se non hai orzamentos, programas, coordinación, xulgados especializados e compromiso educativo de toda a sociedade. O reto está en educar os mozos. O homes deben asumir o seu compromiso cunha sociedade libre de violencias machistas. Revisar a violencia simbólica e verbal cotiá e os valores que exercen.

No meu centro un profesor de galego fixo un programa de radio escolar magnífico para lembrar que o 25 de novembro non temos nada que celebrar. Parabéns a quen traballa todos os días. A violencia non se detén se non se transforma a sociedade e os seus valores. Non pasou o día, temos todo o monte por sachar.

Comentarios