Opinión

Pánico centralista

Acomplexidade non vende. Gústannos as explicacións simples, as solucións inmediatas a problemas complexos. Desde o filósofo da ciencia Kuhn a simplicidade impúxose como un valor epistémico á hora de describir o mundo. Non obstante, a política e a natureza humana teñen pouco que ver coas leis da física ou os teoremas matemáticos. Pode que a política nada teña que ver coa racionalidade.

A política vai de poder. Xoga na liga das emocións, aínda que cada vez coñecemos que son as emocións as que xogan en todas as ligas e condicionan a nosa razón. Mais deixemos ese tema para a neurociencia e volvamos á política. Non é a economía, non sei sequera se é a ideoloxía o que hoxe está en disputa. Son visións diferentes do mundo e da sociedade. Visións sobre quen ten o poder e sobre quen obedece. Sobre quen decide. O mundo conectado, que era unha fiestra de oportunidade, que poñía as bases para unha sociedade do coñecemento, está cimentando unha ignorancia programada. Unha ignorancia orgullosa da súa ignorancia. Como en épocas do fanatismo de tertuliano o non saber é un valor.

Neste difícil contexto o nacionalismo galego, catalán e vasco son un vector que implica unha complexidade na política española que non todos están dispostos a aceptar. Outros simplemente o combaten con todas as armas. Os pactos desta fin de semana necesitan de varias lecturas. Hai unha obvia, por unha banda, a man timorata da esquerda e, por outra, a capacidade para rendibilizar esa febleza da dereita. A esquerda fala de ensanchar dereitos e liberdades, pero cando está diante da identidade das nacións do estado entra en pánico centralista.

Hai síntomas que non podemos obviar. En Valencia a dereita envía unha mensaxe clara, a cultura significa eliminar as linguas propias e matar touros. Esa mesma dereita que a esquerda tolera en Barcelona se con iso frea o nacionalismo. Nos dous casos a dereita gaña. O marco do debate está outra vez en Bildu e nas leis aprobadas co seu voto. Da igual o que a esquerda explique, conte, razoe ou expoña. Polos seus actos os coñecerás. Os seus actos son difíciles de explicar para as e os que consideramos que os dereitos e liberdades nacionais tamén entran a debate na política do estado.

Non vale iso de primeiro os dereitos sociais e logo os nacionais. Van unidos para aquelas e aqueles que temos outra concepción do estado español. Do mesmo xeito que non hai forma de aprazar os dereitos das mulleres, tampouco queremos aprazar os dereitos a estudar na nosa lingua, defender os nosos montes, a nosa costa ou ter unhas comunicacións en tren pensadas nas cercanías e non en ir a Madrid a traballar, ou a Galiza a veranear. Non queremos aprazar de novo a xestión da AP-9 e eliminar as vergoñentas peaxes que hai anos non pagan as radiais de Madrid despois de ser rescatadas con cartos públicos.

Semella tramposo pedirlle responsabilidade aos partidos nacionalistas para os pactos de investidura ou a aprobación das leis e logo votar coa dereita para apartalos das institucións. Veremos se no pecado non lles vai tamén a penitencia. 

Comentarios