Opinión

O feminismo gaña

Unha semana despois das eleccións seguen a multiplicarse as análises políticas de todo tipo. Que se as enquisas non estaban finas, que se non se detectou un movemento subterráneo da esquerda e outras disquisicións semellantes. Se cadra o que máis lle sorprende a algúns é que o feminismo fose quen de chegar á sociedade e frear a ultradereita. O feminismo atesoura unha nova vitoria, terlle dado unha labazada en todos os fociños aos negacionistas da violencia machista ou da diversidade sexual.

É conmovedor que a nova estratexia política dos cargos da dereita sexa saír aos medios de comunicación a defender que existe a violencia de xénero ou que até os máis conservadores poden ter un fillo homosexual. Lido con calma, é unha claudicación. Pactar con Vox en concellos e gobernos autonómicos non produciu medo, máis ben foi carraxe. Foi carraxe o que levou as mulleres a mobilizarse e a converterse en decisivas no chamado voto indeciso.

Foi carraxe o que fixo que moitos colectivos lgbtiq+ saísen con forza ás redes sociais a pedir frear a ultradereita. Foi carraxe o que espertou no mundo da cultura a necesidade de unirse para denunciar a censura.

Estou certa de que hai moitos fíos na análise dos resultados. Mais o que se refire aos logros do feminismo seméllame importante e acaído, porque sinala dúas cuestións fundamentais.

A primeira, ter logrado que a violencia contra as mulleres sexa unha cuestión de estado. Só median dúas décadas da primeira lei integral e resulta un anacronismo volver falar de violencia intrafamiliar. A realidade estival, o incremento de asasinadas nas vacacións, é unha proba diso. Non é unha lacra como afirmaba Feijóo hai uns días.

Non é unha especie de virus descontrolado que volve con forza no verán. É o resultado dunha sociedade desigual na que o control e a violencia contra as mulleres fai parte dese machismo. Asumir que non existe a violencia machista foi o maior acto de irresponsabilidade política realizada polo PP para gobernar a calquera prezo con Vox. As mulleres non queremos oír señoros, como Abascal, dicir que veñen protexernos. As mulleres queremos leis, programas e recursos para eliminar a violencia. Somos autónomas e maiores de idade.

A segunda cuestión é a aceptación, por unha ampla parte da sociedade, da diversidade afectivo-sexual como un valor positivo de convivencia. Prohibir a bandeira do arco da vella nos edificios públicos foi toda unha declaración de intolerancia e crueldade. Un símbolo de liberdade e de respecto polas diferentes formas de vida converteuse no primeiro obxecto do odio dos gobernos de coalición ultra. Outra irresponsabilidade máis do PP. Ante o aumento dos delitos de odio lgbtfóbicos nos últimos anos, un 67,63% no 2021 segundo o Ministerio de Interior, a resposta dun partido que aspira a gobernar é abrazar e facer propios os discursos de odio. Incríbel. 

Co permiso de Clara Campoamor remato citándoa, porque comprobamos, unha vez máis, que a liberdade apréndese exercéndoa.

Comentarios