Opinión

Non era un partido

Era algo que nos saía das tripas. Que nos obrigaba a tomar partido e, desde o máis profundo, desexar que gañaran e lle deran unha labazada a esa trama rancia e machirula que é a Federación de Fútbol e a FIFA. Era algo que nos saía da rabia de escoitar tantas veces, de forma despectiva, corres como unha nena. Ti non podes, es unha nena.

Rematou o encontro e recibín a mensaxe da miña amiga África dicíndome que nunca pensou alegrarse vendo un partido de fútbol, engadía: "Se o vise Irene González...". Era iso. Era un partido polas que quixeron xogar e non puideron. Ou se o fixeron, como a porteira coruñesa Irene González, dos anos vinte do pasado século, foron esquecidas e negadas pola historia oficial. 

Era polas nosas avoas que tiveron que ficar forzadas nas casas, polas nosas nais que reproduciron os estereotipos da boa nai do franquismo entre a resignación e a esperanza de que as fillas, agora chamadas boomers, tivesen oportunidades. Esas nais que remendaron os nosos vestidos de nenas boas cos seus soños imposibles: estudar, exercer unha profesión, viaxar soas, ter unha conta bancaria, expresar as súas opinións en público. 

Tamén era polas nosas fillas, esas que corrían polo campo defendendo o seu dereito a ser futbolistas. A facer o que lles pete sen ter que dar mil explicacións. Pola dignidade coa que reclaman a equiparación en todos os ordes da vida, tamén o deportivo. Era polas nenas que ven outro modelo. Era polos nenos, para que desfruten dos logros delas, para que sexan compañeiros e non agresores. Era por soñar, aínda que fora durante un momento, que outros valores poden movernos.

Non me gustaron as bandeiras inundando as rúas ou a monarquía saltando e lexitimando o seu anacrónico papel. Segue sen gustarme o fútbol e o mundo de corrupción que o rodea. 

Porén, dalgún xeito era necesario pechar o NODO que nos acompañou tantos anos e demostrar correndo que a discriminación non está na bioloxía. Está no sistema que pon e quita valor ás accións da vida. Un sistema que permite mundiais en países machistas e homófobos. Un sistema que non se derruba nun día e por decreto. Necesita moitas carreiras de fondo e moita resistencia.

Era algo importante tamén para as que defendemos a nosa selección galega. Con todas as contradicións que, como a vida mesma, iso supón para nós, porque estamos fartas do machismo. 

Fartas de ser demasiado gordas, demasiado delgadas, demasiado altas, demasiado baixas, demasiado maiores, demasiado novas. 

Fartas de teitos de cristal, de chans pegañentos, de que nos chamen en diminutivo, de ter que explicarnos por todo. 

Fartas de ter medo a ir soas pola rúa, fartas das agresións e a violencia, fartas de volver a escribir sobre o fartas que estamos.

Estamos moi fartas de que un home sinta que ten dereito a darnos un bico a forza. 

Máis fartas aínda de que o faga e, cando escribo este artigo, nin dimitira nin o cesaran.

Comentarios