Opinión

Insoportábel dixerir a realidade

Difícil escribir. A realidade cursa tinxida de sangue, odio e parálise ou, mellor dito, hipocrisía da comunidade internacional. De nada serven as palabras fronte a esta situación de impunidade dos poderosos que se instala con nitidez. Os nenos e nenas que morren en Gaza nos interpelan sobre o mundo que temos. Mundo que, para as que decidimos librarnos de deuses que nos salven, se constrúe baixo unha responsabilidade colectiva.

As imaxes da dor e a destrución en Gaza sucédense no mesmo espazo temporal que se axita o odio ao diferente que chega en caiuco. Europa vive ensimismada no seu bucle particular. Por unha banda, declaracións  grandilocuentes sobre o multiculturalismo, os dereitos humanos e o  respecto a diversidade e, por outra, restabelecendo fronteiras imposíbeis contra a pobreza. Asistimos, sen inmutarnos, a unha  acumulación indigna de riqueza pola Banca ou as empresas enerxéticas. A fenda cada vez maior entre unha minoría que atesoura esas riquezas e millóns de persoas sen ningunha posibilidade ou esperanza vital, sinálanos. Somos nós, as e os que aínda vivimos nunha especie de espellismo da tranquilidade quen temos que actuar.

A economía e os discursos da intransixencia corren paralelos. Os beneficios da banca española e europea son un síntoma dos parámetros da economía. Unha das noticias coa que comezamos esta semana foi que o HSBC, maior banco europeo por activos, rexistrou un incremento de beneficio no que vai de ano do 126%. Isto supón un beneficio duns 21.375 millóns de euros. A cifra marea por incomprensíbel. Mais imos acostumándonos porque a semana anterior mostraban Santander e Bankinter contas semellantes. Seguro que as persoas que viron incrementarse entre cen e douscentos euros ao mes a hipoteca da súa vivenda, cifra que si entendemos, non celebran con tanta fachenda os beneficios da banca como os seu directivos. Só deixo apuntado que esta banca foi rescatada con cartos públicos na crise do 2009 logo dos delirios deses mesmos directivos.

Os discursos da intransixencia coñecémolos ben. Permitídeme que tamén a modo de exemplo recolla os que a dereita empregou a semana pasada no contexto da emerxencia migratoria. Nin palabra sobre a pobreza e a guerra como orixe do problema, son discursos pensados para axitar o medo ao diferente. Espallar esa idea de que a perigosidade para as mulleres aumentará pola presenza de mozos inmigrantes é tan inmoral como irresponsábel en termos políticos. 

Non obstante, ante este panorama, por momentos tan desalentador, hai outro síntoma que non quero esquecer. Fronte a unhas axencias de noticias nada neutrais e con intereses económicos claros, fronte a unha UE cómplice de crimes de guerra e o xenocidio, miles e miles de persoas están nas rúas berrando e pedindo xustiza para o pobo palestino. As manifestacións  que  esta fin de semana percorreron o mundo teñen un gran valor. Son unha mostra de loita contra a desinformación e a ignorancia. Bravo pola cidadanía á que se lle indixesta a realidade, esa que anhela algo máis que pan e fútbol.

Comentarios