Opinión

Inquisición

Son tempos de censura. Seméllanos difícil de crer mais é así. Os manifestos corren polas redes. Hai quen se sorprende ou minimiza os feitos. A cultura molesta. Os libros molestan, o teatro ou cine molestan. Molesta aquilo que abre horizontes, que nos permite pensar, que nos ensina algo distinto, que cuestiona o obvio ou aporta outra óptica.

Por moitos escritos e protestas que fagamos este verán hai obras de teatro que non se representaran e películas que non se proxectaran. A conclusión é clara, pódese censurar e de feito faise. Só unha minoría ve no feito da censura unha perda de liberdade. Aí reside un dos grandes problemas, a indiferenza. Imponse un “iso non vai comigo” que vai minando aos poucos os vimbios da sociedade. Quen se lembra xa da censura da obra de Virgina Woolf Orlando en Valdemorillo. Quen se lembra dos motivos ou quen o fixo. Valoramos pouco que isto non é unha anécdota, senón un síntoma.

Borja Semper camuflado de ”medio progre” tenta reducir a censura a casos puntuais como se o PP non fose o partido que goberna cos propios censores. Como responsábel da campaña do tamén camuflado de moderado Feijóo, tenta convencer do seu compromiso coa violencia machista. Non obstante, está asinado por este partido nos pactos con Vox non abordala, xa que ao mudarlle o nome tratarase ou non, xa veremos, outro tipo de violencia, mais non a que sofren as mulleres por ser mulleres nunha sociedade patriarcal. Igual de asinado e materializado está eliminar os departamentos de Igualdade.

A cultura é moito máis que un espectáculo ou algo que enche o noso ocio. A cultura é o que nos permite recoñecérmonos no humano que habitamos. De aí a súa diversidade, pluralidade e multiplicidade de visións, perspectivas e enfoques. Lembraba a Presidenta do Consello da Cultura Galega no seu discurso de celebración do 40 aniversario da institución que a cultura é un dereito, do que ninguén pode ser excluído.

Neste mesmo acto, hai escasos días, Rosario Álvarez definía o proxecto cultural do CCG “como un proxecto comunitario no que ninguén pode sentirse excluído, ninguén pode quedar sen voz, ninguén pode experimentar que non é importante no rico ecosistema cultural, ninguén pode percibir que os seus dereitos non son respectados e atendidos”. Non podo estar máis da cordo. A cultura é liberdade.

Aqueles que eliminan voces, libros, imaxes ou palabras teñen a posibilidade de expresar o seu pensamento, só que o fan para negar o dos demais. Ninguén lles obriga a ler Orlando, acudir á representación de La villana de Getafe ou desfrutar con Lightyear. Teñen a posibilidade de ler e ver o que consideren do seu interese.

Cando vetan, eliminan, prohiben ou perseguen ideas e libros estamos ante un fenómeno que non podemos reducir a unha anécdota ou dicir que canto máis falemos deles máis propaganda lles facemos. Banalizar á censura é un erro. Reducila á ignorancia tamén. O ignorante desexa aprender, o censor desexa que ignorancia sexa o paradigma dominante. A Inquisición sabe moito de censura e ignorancia:  eppur si mouve.

Comentarios