Opinión

A forza das mulleres

Catro artigos. Este é o último para rematar unha serie que comezaba falando dun partido de fútbol e culmina coa agardada dimisión do presidente da RFEF. Durante este tempo deuse un amplo debate social no que puidemos comprobar o moito camiño percorrido polas mulleres na defensa dos seus dereitos. Tamén puidemos ver as sombras que agochan vellos prexuízos sobre as vítimas de acoso sexual. 

O acontecido foi importante. É case obvio comezar lembrando que, o logro de ser campioas mundiais permitiulles ás futbolistas botarlle un pulso a unha federación que nun primeiro momento aplaudiu sen fisuras a postura machista e mentireira do seu presidente. Ese pulso contou co impulso de mulleres e homes que desde os medios de comunicación, as redes sociais e a rúas sostiveron claro e alto que rematara o tempo da impunidade do acoso sexual.

Moitas mulleres contaron o que a elas lles pasou noutros espazos, púxoselle nome a accións que hai décadas era obrigado calar e mirar para outro lado. Accións que avergoñaban as acosadas e engrandecían a masculinidade do agresor. É obrigado parabenizar a tantas mulleres que dedicaron moita forza a visibilizar e erradicar a violencia contra as mulleres. Vivimos nunha sociedade que xa non tolera esa violencia. E non se chegou a este punto de xeito máxico, hai todo un esforzo do feminismo por sinalar á violencia como unha das ferramentas do patriarcado para a súa perpetuación.

Non obstante, e como contrapunto, durante este tempo tamén puidemos ver á Fiscalía alertar sobre o incremento de agresións sexual, de maneira moi preocupante entre a mocidade. A propia Fiscalía sinala a pornografía e a falta de educación afectivo-sexual nas escolas como un dos motivos. Preocupante noticia. Tan preocupante como a existencia dos grupos de WhatsApp de futuros profesores nos que se insulta e degradas as mulleres. Fronte a isto, quedémonos coa aportación das futbolistas a unha pedagoxía social diferente. A súa loita, e a que manteñen polas condicións laborais, permite deitar luz sobre moitos espazos de discriminación e violencia cos que convivimos no cotiá. 

Como hoxe escribo no mesmo día que inicio un novo curso, permitídeme unha última reflexión. Pregúntome como é posíbel que non teñamos ningunha materia de igualdade, feminismo ou diversidade afectivo-sexual no currículo escolar. Nin tan sequera unha optativa como en cursos anteriores. Só algún aspecto fica recollido, de esguello, nalgunha materia. A realidade é que a educación afectivo-sexual está abandonada ao compromiso e o voluntarismo dos e das docentes. A administración segue a voltas co número de ordenadores e as competencias dixitais, sobre a erradicación das violencias machistas só vaguidades ou bonitas frases en documentos.

Non só educa a escola, faino toda a sociedade. Non obstante, poñer en valor a escola, ao profesorado e introducir contidos feministas que permitan desenvolver un pensamento reflexivo e crítico contribúe a unha verdadeira cultura da non violencia. 

Comentarios