Opinión

ETA, compromiso e racionalidade política

Guapa, feo, guapo, fea, guapa, fea... Deste xeito valoraban a realidade política dos farois as fillas dunha amiga estes primeiros días de campaña. Imaxínoas entre risas puntuando, a modo eurovisión, ese pasar de carteis con caras, siglas e frases enxeñosas. Hai quen di que a súa racionalidade política infantil non dista demasiado dunha boa parte da sociedade, pouco dada a deterse en discursos e propostas. Ou farta de discursos e propostas baleiras. Se cadra é así.

As campañas electorais soen ter un marco de debate xeral afastado dos intereses das persoas. Desta volta tocou ETA, un clásico. Hai temas que os partidos políticos empregan para posicionarse e enfrontar o electorado. Consideran que polemizar con cuestións moi ideolóxicas pode influír no voto indeciso. Tamén é unha forma de eludir a política real e non falar do concreto. Cando en Galiza imos elixir as persoas para conformar os concellos, acendemos a radio ou a  televisión e os debates veñen marcados por VOX e un desnortado PP, ou un PP á madrileña obsesionado por adiantar sempre pola dereita. Incluso, candidatos socialistas compran o marco de debate da dereita e contribúen a desenfocar máis a campaña, se iso é posíbel.

Non obstante, se apagamos os medios a realidade é ben distinta. Permitídeme unha vivencia desta fin de semana. Logo de asistir a un mitin en Lalín, contemplaba as persoas que asistiran desfrutar dunha cervexa e dun tempo de conversas, cando se me achegou un ben querido compañeiro da parroquia de Vilanova, a parroquia da miña avoa. Alí estivemos falando da aldea, do difícil de militar alí e do difícil que é mudar algunhas cousas nese contorno. Encantoume escoitar, mellor dito sentir, o seu entusiasmo. Despedímonos cun sorriso e dous bicos. Fiquei mirando como marchaba saudar a outras compañeiras. Non podía deixar de pensar no sentido de grupo, de comunidade ou de acción común se preferides a expresión. Cuestións eliminadas polo individualismo e o neoliberalismo desde o que vivimos hoxe a política e as relacións humanas en xeral.

Por tópico que soe, as eleccións municipais seguen estando próximas ás persoas. Teñen como virtualidade que esa tinta de lura dos partidos estatais non chega para borrar o cotiá. A xente coñécese nas vilas, incluso nas cidades pequenas. Sabe do traballo e das horas de compromiso. Levounos tempo esquecer a herdanza do franquismo que tanto medo deixou. Medo a que se decaten os veciños do que votas. Medo a se significar politicamente como nacionalista ou de esquerdas. Quero pensar que iso é cousa do pasado. Quero mirar no encontro municipal certa esperanza da política ligada a comunidade.

Miles de persoas participan nas listas municipais. Xenerosas co seu tempo, trasladando ideas e propostas a barrios e parroquias. Son o contrapunto da política espectáculo. Se a racionalidade política está en vías de extinción e o criterio pivota entre as tripas e a estética, quédome co compromiso. Apago a radio.

Comentarios