Opinión

Contos, os xustos

Sen dúbida existen leis que xeran grandes debates sociais. Estou certa que lembramos varias. Tamén estou certa que entre as primeiras que podemos citar, sen facer un grande esforzo memorístico, están aquelas que inciden nas liberdades e dereitos das mulleres. Incluso nestas hai unha xerarquía que eleva a un primeiro posto as leis que tratan sobre as violencias que sofren as mulleres. Isto non é azar. Non. A violencia contra as mulleres é un aspecto central da orde machista e mudala custa.

Todas lembramos os debates sobre as leis de violencia de xénero. Cantas veces tivemos que escoitar que a violencia non ten xénero! Xa. Mais a violencia que sofren as mulleres por selo vaia se o ten. Só temos que ver os datos do inicio deste ano e constatar despois de leis, convenios, programas, xulgados específicos e pactos de Estado que existen homes que se negan a mudar algo tan básico como é o control sobre quen consideran da súa propiedade. Logo, a ultradereita adornará isto co argumento da violencia intrafamiliar e doméstica para lembrar o espazo de onde non se deberían mover as mulleres, ou facelo de xeito controlado e minimizando danos para o patriarcado. 

Na lei do só si é si non se nega o xénero da violencia. Négase a credibilidade de quen a sofre. O que segue de base é a posta en cuestión da palabra da vítima. Hai unha parte da sociedade que non entende, ou non quere aceptar, o avance que implica que sexa o agresor o que teña que demostrar que houbo consentimento. O que implica que abusar xa é en si mesmo violencia, logo, é agresión.

Sendo tan importante este cambio de paradigma o que sorprende é como o Ministerio de Igualdade non imaxinou que o ataque sería sen piedade. Como puido minimizar o efecto de alarma social que crearía a revisión das penas. Como non tentou evitar chegar a este punto onde o debate é só punitivista. 

Tanto ten que a lei cree servizos ou recursos para o acompañamento das mulleres vítimas da violencia sexual. Tanto ten que o fundamental sexa mudar o marco no que a violación e a agresión sexual deixen de ser un xeito de inocular o medo a mozas e a mulleres para exercer a súa liberdade. Tanto ten. Hoxe o debate é unha trampa na que temos que escoitar aos que negan o xénero da violencia que hai que protexer as mulleres.

o canto de eliminar as condicións que restan credibilidade á voz das mozas e mulleres que denuncian a violencia sexual, volvemos a unha nova versión do discurso paternalista de que as mulleres protéxense con penas exemplares para os que se atreven a deshonralas. Falamos de cárcere e para nada dunha sociedade que erotiza a violencia contra as mulleres, que só cita a educación afectivo-sexual como algo tanxencial ao ensino ou que non educa a nenos e mozos noutras formas de masculinidade.

De novo temos que aturar que foi Carapuchiña vermella a que non colleu o camiño recto. De novo parece que aceptamos que a natureza do lobo é disfrazarse e enganar. O medo paraliza. Cando perdemos o medo mudamos o conto.

Comentarios