Opinión

CIS e outras ideoloxías

Medir. Cuantificar. Esa é a nosa obsesión. Hai realidades difíciles de pesar. Ás ideas e aos valores pásalles un pouco iso. O sistema internacional de medidas ten dificultades para calcular canto de iguais somos homes e mulleres ou, incluso algo máis difícil, medir a percepción individual e colectiva desa igualdade.

É innegábel que os datos reflicten unha desigualdade salarial. Hai ben pouco este diario publicaba que a fenda salarial, lonxe de reducirse, medra: as mulleres galegas cobran uns 4.519 euros menos que os homes. Isto si que o podemos cuantificar. Igual que podemos dar conta das 5.310 denuncias presentadas en 2023 por violencia machista ou das tres mulleres asasinadas. Non obstante, a interpretacións das causas e das políticas que se deben adoptar sobre a desigualdade é complexo de medir.

Aí a presenza da ideoloxía de base que fai compresíbel a sociedade no seu conxunto determina a percepción. De feito, os estudos que intentan medir a percepción desa desigualdade ou, mellor dito, a interpretación que se realiza da mesma non sei se realmente son quen de trasladar a datos a situación ou contribúen a reproducir a mesma.

Con isto quero dicir que a recente enquisa do CIS acaparou titulares sobre o rexeitamento do feminismo e das políticas de igualdade por unha parte dos homes e de forma máis agudizada dos mozos. Mais non destacou o inmenso avance na percepción do feminismo e das políticas de igualdade en só catro décadas.

Os titulares non afondaron no tipo de afirmación que se lles ofrecía ás persoas entrevistadas para contestar en termos numéricos. Isto é, ante a pregunta de se se chegou tan lonxe na promoción da igualdade das mulleres que agora se está discriminando os homes, un enunciado que reafirma o que unha parte da sociedade le na prensa de determinada ideoloxía ou escoita en faladoiros, en programas de entretemento ou en boca de políticas e políticos da ultradereita, menos do 50% ten esa percepción.

Tal é así, que ese rexeitamento do feminismo dáse máis agudizado nas mulleres da dereita que nos homes da esquerda, segundo esta enquisa. Xa que logo, o que se mide é como reproduce o grupo social os mantras dos e das produtoras de opinión cos que coincide nunha visión global da sociedade. Xa vemos que con bastante eficacia.

Cambiemos un pouco a mirada. No estudo tamén vemos que un 96% dos homes considera que a igualdade é indispensábel para unha sociedade xusta ou que un 87,8% dos homes cree que hai que recriminar os comportamentos machistas doutros homes. Dúas afirmacións que debemos imputar como logros do feminismo. As contradicións da enquisa son as da vida mesma. Desde a miña óptica, deixo dúas conclusións para o debate. O feminismo é un eixo vertebrador da nosa realidade, dinámico e moi vivo. Segundo, esteamos atentas á manosfera, os mozos son obxectivo prioritario non só de quen está en contra da igualdade entre homes e mulleres; son obxectivo dun fascismo que cursa con odio a todo. Aí está, nas redes. A unha pantalla de distancia.

Comentarios