Opinión

Acabouse

Todo lema recolle unha idea e un sentimento. Así, o berro colectivo, que nos acompañou esta fin de semana, resume a loita contra as violencias machistas das últimas décadas dun xeito perfecto. Sintetiza as teorías sobre o patriarcado, a necesidade das leis e a rabia que sentimos diante dunha agresión. É a resposta clara a todos os que nos dixeron algunha vez que non era para tanto. Total só era un bico ou unha man na perna ou un belisco de nada. Eses que deixaron deslizar unha sospeita sobre o noso comportamento ou  que insinuaron unha penalización profesional se había denuncia. Si, era para tanto e moito máis. 

As palabras de Rubiales desde o atril foron un insulto a todas. Foi unha clase condensada de machismo e de patética reafirmación dos iguais. Nós, de novo, as idénticas -como diría Celia Amorós- ficabamos sen credibilidade. Incluso se nos lembraba que a nosa militancia é a dun falso feminismo, non do autentico, ese que estes señores tan ben coñecen. Eles que se recoñecen e aplauden, aínda seguen sorprendidos e pregúntanse que pasa. Se isto foi sempre así. Festas, cartos, decisións pouco transparentes, coaccións e nunca pasou nada. 

As caras de sorpresa, os comunicados, o apoio de personaxes tan faltos de ética como Louzán forman parte dese crerse inmunes e infravalorar a forza das mulleres. Xa sabemos que algúns deles teñen fillas, algo que podíamos imaxinar. Incluso podemos supor que todos teñen ou tiveron nai. Mais iso non puntúa en comportamentos igualitarios. Eu non tiven que esperar a ter fillos para tratar con respecto os meus alumnos. É unha cuestión básica que non necesita da procreación para ser comprendida. 

Non dan crédito a que a forza das mulleres os vaia poñer fóra de espazos que consideraban exclusivos. Non acaban de entender que o “Eu si te creo” calou tan fondo que transformou unha sociedade acostumada a calar e restar valor ás agresións. Acabouse calar. De aí a importancia dun lema que recolle a necesidade de poñer un punto final á discriminación que sofren as mulleres no deporte e no xornalismo deportivo. Non son “as nenas”. Son as deportistas que pelexan polo mesmo espazo e visibilidade que os deportistas homes. Por certo, pouco faladores nesta ocasión. 

Vivimos coa sensación de que algo mudou e non atopamos as palabras exactas para describilo, mais todas sabemos que o feminismo conseguiu algo importante. Dar valor á palabra das mulleres. Reparar o que tantas veces denominamos como inxustiza epistémica. Pode que esteamos nun momento transcendental para a igualdade e a liberdade das mulleres e non sexamos quen de ver o seu alcance. Os testemuños das mulleres contando situacións de abuso e agresións volven inundar as redes. Hai que contalo e denuncialo porque hai que paralo. As deportistas e as xornalistas din vivir rodeadas de Rubiales. En todas as profesións coñecemos varios. A todos eles un consello, que vaian poñendo as barbas a remollo porque isto acabouse.

Comentarios