Opinión

Salvavidas na Liga dos náufragos

Víctor Fernández fixo unha nova declaración de intencións ó variar o once do Dépor. Ante rivais directos arriscar o xusto e necesario. Na primeira metade demostrou que pode ser unha variante intelixente.

Víctor Fernández fixo unha nova declaración de intencións ó variar o once do Dépor. Ante rivais directos arriscar o xusto e necesario. Na primeira metade demostrou que pode ser unha variante intelixente. Foi moi interesante comprobar que o Dépor cando quere ter iniciativa no ataque ten potencial abondo para enfrontarse ante os seus rivais directos. Ver a Juanfran aportando centros desde a banda dereita, ben dirixidos, é unha razón para recuperar unha banda para o ataque.  Juanfran ademáis tivo un excelente debut cos branco e azuis. Juan Domínguez, xunto a Álex Bergantiños, pasa menos apuros e o equipo ten máis seguridade e aportou o gol da vitoria final.

Pero o equipo de Víctor terá que pulir un detalle que non vai nada co seu estilo. O seu equipo fai moitas faltas. É un dos cadros que comete máis accións punibles da categoría. Pero é un recurso que en tempos de escaseza pode vir moi ben cando aparecen as apreturas. Os herculinos gañaron en contundencia. 

"Tan importante como gañar é saber sufrir cando a oportunidade o esixe. En Eibar o Dépor non fallou. E esa debe ser a senda a seguir".

O Deportivo de Víctor é un equipo obreiro, e está lonxe das finuras que lle gustaba practicar no pasado. Os recortes é o que teñen. Hai que prescindir de arquitectos e apañarse cun bó exército de paletas. Levar posto o buzo de traballo ante o fútbol metalúrxico do Eibar é unha boa maneira de xogar con salvavidas na Liga dos náufragos. E iso foi o que fixo o equipo coruñés, sobrevivir, ante un rival bravío. Ferido co gol de Juan Domínguez foi aínda máis fero pero non suficiente.   

E cando o Eibar estaba castigado físicamente polo grande esforzo que empregou para intentar darlle a volta ó marcador, Víctor puxo dous dos seus homes con máis talento: Cuenca e José Rodríguez. O partido non se prestou á súa capacidade porque o Eibar é un poderoso destructor. Incansable. Loitador. E nesa loita titánica, Hélder Postiga deixouse ver.

Gañar en Ipurúa vai ser tarefa moi dificil este ano. Poucos visitantes han sacar os tres puntos neste campo. A vitoria para os herculinos é aire novo tras unha pretemporada complicada no mercado de fichaxes que retrasou considerablemente a preparación do equipo. Os de Víctor non só amosaron que foron capaces de gañar un partido importante. A lección máis sobranceira coa que hai que quedar é a capacidade de sacrificio e o grande esforzo que tiveron que empregar para frear un cadro afeito a convivir na economía de guerra do fútbol.

Tan importante como gañar é saber sufrir cando a oportunidade o esixe. En Eibar o Dépor non fallou. E esa debe ser a senda a seguir.

E, por certo, curiosa anécdota ver na clasificación ó Deportivo por riba do Real Madrid na mesma semana na que os merengues terán que visitar Riazor. Onde haberá que asinar para que continuara así ata o final do campionato?

Comentarios