Opinión

Punto para Lux

Boa imaxe. Moi boa. O Dépor saíu de cara e soubo manexar un dos primeiros e importantes escollos da temporada.

Boa imaxe. Moi boa. O Dépor saíu de cara e soubo manexar un dos primeiros e importantes escollos da temporada. Falta afinar a puntería, ter máis efectividade. Esperar polo dianteiro de referencia do teu equipo ata última hora ten o seu prezo. Pendentes de avaliar definitivamente esa asignatura, o resto de parcelas semellan, repito, semellan, ben aprendidas. 

Os deportivistas fixeron unha boa presión, anularon a vocación ofensiva dun rival teóricamente moi superior, e, por momentos, o cadro deportivista mandou en casa allea. O Valencia só correu. Correu detrás do Dépor. Desde ese punto de vista, Víctor traballou moi ben o encontro e os seus futbolistas interpretan ben o seu papel.  

Pero coidado coas euforias. O Dépor non demostrou nada aínda. Empatou dous partidos e marcou un gol en dous partidos. Está ben alegrarse. Está ben celebralo. Pero que ninguén faga estalar demasiados foguetes. Que madure a temporada e xa se falará.

"Os deportivistas fixeron unha boa presión, anularon a vocación ofensiva dun rival teóricamente moi superior, e, por momentos, o cadro deportivista mandou en casa allea"

Lux salvou ó equipo en tres ocasións, tres, da derrota. Gran nova. Pero ademáis…, pouca efectividade; córners e saques de banda que se volven xogadas perigosas a prol do rival; buratos defensivos que apuntalar…

Mellor ver o vaso a medio encher. Axustar os erros e corrixir os desequilibrios. 

Extraordinaria nova ver a Lucas en forma, o ano pasado o máximo dianteiro deportivista. O pichichi branco e azul regresa con forza e con ganas de liderar un equipo que vai escribindo despacio e con boa letra. Coidado con esta Liga. Apetitosa si, pero con moitas trampas.

De momento, dous partidos, dous empates. E punto para Lux.  

Comentarios