Opinión

O imán de “Amo”

Lembremos que o mércores o Dépor estaba morto, destrozado, caéndose a cachos, facendo augas

Lembremos que o mércores o Dépor estaba morto, destrozado, caéndose a cachos, facendo augas, sen convicción ningunha e tiña os brazos rendidos pola impotencia. Deprimido. Ese é o punto de partida. Sendo así, quen se atreve a falar de táctica!

Lembremos que o novo Amo do vestiario é un Víctor distinto, cercano, moderno, con método, con equipo e que tan só tivo tres días para mostrarse. O único que se pode traballar cando se recibe un grupo en estado de descomposición é a recuperación da moral dunha tropa prácticamente rendida e convencida da súa impotencia. A imaxe do Dépor dos últimos oito días era a dun flan flácido, tremente, esvaecido. 
 
Hai máis lecturas positivas das que parecen do, a priori, pírrico punto en Anoeta. O fundamental: que o Dépor igualou dúas veces un partido que se volveu de costas. Iso, de por si, xa ten un mérito enorme. Noutras circunstancias, ás primeiras de cambio, cun gol en contra e por riba provocado por unha acción dolosa como por unha man onde non se debe, sería un veleno perigoso que conduciría a unha morte final. Pero o equipo tiña antídoto: fortaleza mental. Poderoso imán, capaz de transformar as situacións máis adversas.

O Dépor fixo un partido aceptable. Digno. Algo máis tenso e concentrado. Suficiente en intensidade, pero escaso en acerto e efectivade. Ese é o gran talón de Aquiles da temporada. Oriol primeiro. Borges despois. E Borges por segunda vez. Tres ocasións estragadas, que cambiarían o conto. Pero quen dixo que había que poñelo fácil. Iso na historia branco e azul non existe. Sempre hai pedras no camiño. 

O Dépor fixo un partido aceptable. Digno. Algo máis tenso e concentrado. Suficiente en intensidade, pero escaso en acerto e efectivade

Velaí a explicación. A xente á que se lle supón calidade individual, maior solvencia, serenidade ou factor diferencial é a que ten que inverter o seu polo cara ao lado positivo.

Ese foi o gran matiz do partido. Na fronte, o Chori Castro luciu un factor diferencial que pon a cada un no seu sitio. 

Outro aspecto positivo foi ver a Manuel Pablo. Nin un só erro. Un exemplo. É unha mensaxe para quen queira ver e escoitar dentro da caseta. Un veterano que ensina a dirección e a fórmula da recuperación. Todos a calar. Respetar, admirar e replicar.  

E por suposto, Lucas Pérez, que tiña o seu anxo da garda de vacacións anticipadas nas últimas semanas. Esa capacidade de crer sempre, de non dar nunca un balón por perdido, de empurrar como sexa, onde sexa, fai que os herculinos aínda conserven alma, espírito. Aí está o magnetismo de Amo. Un poder de atracción que apaña todo o que se poña por diante.

O punto significa que o equipo non se rende. Que Víctor entra con bo pé, malia non cumprirse o vello axioma de adestrador novo, vitoria segura. Sumar é positivo. Crear un ambiente positivo na contorna nesta delicada situación é fundamental.  

É certo que Víctor non fixo moitos trocos na aliñación inicial. Que se viron poucos cambios. Pero é unha postura sensata. Só tivo tres sesións. Non pode entrar no Dépor como nunha cacharrería, arramplando con todo. Perdería o grupo. O control. E ademais, estaba condicionado pola ausencia de Luisinho por sanción. E igual que os xogadores precisan coñecer ó novo Amo, o técnico tamén precisa tomar as rendas do grupo sen golpes. É pura lóxica. 

É certo que Víctor non fixo moitos trocos na aliñación inicial. Que se viron poucos cambios. Pero é unha postura sensata. Só tivo tres sesións

Pero víronse pequenos detalles que han ser maiores no vindeiro partido, xa verán. Manuel Pablo volverá levar os galóns. Mudarán a confección das bandas. O equipo xa recuperou certa orde, triangulou mellor, utilizou as bandas con máis sentido, foi quen de levar a iniciativa, de mandar, mesmo xogando fóra da casa.      

Este Deportivo xa é de Amo. Agora só queda que todos, todos, confíen e apoien o “v” de vitoria que Víctor leva escrito. Tempo. Confianza. 

O único dilema é que un calendario tan duro de oito partidos sexa un trago que faga bola. Pero tragar hai que tragar. Non queda outra. Pero se a bola é de aceiro, por se acaso, xa hai imán. 

Comentarios