Opinión

Dépor: esperando o rexurdimento

Sexamos sensatos e claros. Pensar nunha vitoria ante o Atlético de Madrid aínda que fora na casa, era francamente difícil.

Sexamos sensatos e claros. Pensar nunha vitoria ante o Atlético de Madrid aínda que fora na casa, era francamente difícil. Un Atlético que é o actual campión de Liga e que está a disputar os cuartos de final da Champions League co seu eterno rival, o Real Madrid. Quen sabe se esta mesma semana o Cholo Simeone consegue botar ó valado ós merengues. Antes de rodar o coiro en Riazor era unha boa excusa para crer que o Atlético sería menos incisivo.

Soaba a música celestial, a milagre, de superar ós colchoeiros tras o empate de Anoeta malia que os branco e azuis manexan números que coquetean excesivamente co descenso, de feito as cotas son tan baixas que son de descenso. Baixas por sanción, por lesión… E se a isto lle engadimos que o adestrador non leva nin unha semana na Coruña a ecuación matemática tiña demasiadas incógnitas a despexar para resolver en tan pouco tempo.

Había dous puntas si, pero non chegaron balóns que centrar porque nin Cavaleiro nin Lucas están afeitos para este labor

Non era fácil e Víctor, o novo Víctor, tampouco foi ó fácil: seguir cos mesmos homes que lograran o empate en San Sebastian. Pero Sánchez del Amo dixo que ía manexar un plan para cada partido. Avisou. E elixiu para xogar contra o Atlético unha fórmula que combinaba excesiva valentía ante un equipo feito para cortar ós máis valentes. Dous puntas de inicio, recuperando a Medunjanin para o medio campo, e colocando a Lucas moi caído a unha banda, primeiro á esquerda, logo a dereita, pero moi lonxe da área onde lle gusta pisar. Tamén a Cavaleiro. Había dous puntas si, pero non chegaron balóns que centrar porque nin Cavaleiro nin Lucas están afeitos para este labor. O Dépor afogou a capacidade para centrar porque os homes preparados para elo non tiñan o carreiro libre para galopar. 

Víctor optou por concentrar moitos riscos nun encontro preparado e vendido como a tarde do rexurdimento. Pero os brotes verdes quedaron en gromos sen rebentar. A esperanza só durou 5 minutos. O plan anti Atlético fracasou. Posiblemente, o Atlético acudiu a Riazor menos incisivo, pero seguro que tampouco esperaba tantas facilidades. E non perdoou en canto se lle deu ocasión. En xogo estaba o terceiro posto da Liga. E iso contou. 

Así pois, o plan rexurdimento terá que esperar…, a Málaga?

Ao Dépor pillárono nun fóra de xogo por lentitude, por falta de concentración. É discutible, no obstante que en primeira xogada o fose. Non na segunda que precedeu o gol porque o francés Griezman estaba ben posicionado. O segundo gol tamén foi froito dunha mala cobertura defensiva. Nunha xogada xa típica do Atlético: saca de banda como se fose desde o curruncho. E o artilleiro do Atlético asinou o gol número vinte desta temporada en Riazor. 

Ao Dépor pillárono nun fóra de xogo por lentitude, por falta de concentración

Non está o conto a estas alturas para moitas complicacións. E o Dépor complicouse excesivamente a vida. É certo que competiu, que deu a cara. Iso aguantou de Riazor un bo tempo, xa que viña entregado, ilusionado, renovado. Pero pronto volveron os asubíos. Os nervios están a flor de pel. Pero esa música de vento non axuda. Como moito desafina se cabe a escasa partitura que saben interpretar os deportivistas. Para aupar ó equipo pouco ánimo levantan os asubíos e os murmurios. Lexítimos, seguro, pero non axudan. Con adestrador novo no banco e xogadores intentando asimilar novos conceptos, fraco favor fixeron os apupos.

Na segunda metade, Víctor fixo cambios sorprendentes. Deu parte da organización a Juan Domínguez e retirou a Luisinho, deixando unha defensa de tres. Pode que Víctor atopase fraquezas nos branco e vermellos. Curiosamente, foron os mellores minutos do Dépor. Unha galopada incríble de Sidnei polo carreiro esquerdo enviou un centro a Oriol que foi para dentro. E como adoita suceder a partir de aí, co marcador tan preto de acariñar un resultado positivo, o fútbol toleou. A bancada ferveu. Isto tamén está visto en Riazor esta temporada. Arreóns finais, de infarto, de vertixe, pero pouco resultadistas. E diso vive ágora o Deportivo: de resultados.  

Arreóns finais, de infarto, de vertixe, pero pouco resultadistas. E diso vive ágora o Deportivo: de resultados   

Esta é a realidade. O demáis son soños. O cal non quere dicir que sexa un imposible.

A necesidade obriga. Pero obriga a gañar. Os resultados dos rivais apuran máis a necesidade. A batalla está por dar. A esperanza ten moita vida aínda. Pero xa se escaparon todas as balas. Non caben mis esvaróns. O que queda xa é precipicio.  

Málaga espera un novo capítulo para o rexurdimento. Quizáis na diáspora (os dos próximos partidos son lonxe de Riazor) permita ó equipo pensar con máis acerto.

Comentarios