Opinión

O Dépor está sen credo

Mudou o sistema, unha vez máis. Pero non mudou a imaxe, unha vez máis.

Mudou o sistema, unha vez máis. Pero non mudou a imaxe, unha vez máis. Ben é certo que apostar por unha defensa de 5, con 3 centrais, precisa tempo de acoplamento, adestramento, e semanas de traballo. Aínda é cedo. Pero… se o adestrador quería mudar de sistema defensivo, tendo 10 días para traballalo polo virus FIFA, por que non aproveitou os dez días para mentalizar o novo sistema de traballo? O resultado foi un barullo, sobre todo na primeira metade. Uns xogadores que non tiñan clara a súa misión. Unha aventura. A sensación de que o equipo está perdido ou que non está convencido do que fai. Tampouco axuda o técnico a mellorar as cousas, porque seguimos apreciando problemas na colocación dalgúns futbolistas como Medunjanin ou Juan Domínguez. Pero non son os únicos. Desaproveita un futbolista que semella imprescindible neste equipo como Wilk que dá seguridade ós seus compañeiros. Viuse na segunda metade.  

Estes mandamentos tamén se poden resumir en outros dous, pero iso xa o acuñou hai 20 anos Arsenio Iglesias: orde e talento

Co sistema de catro ou de cinco, a mentalidade deste grupo de futbolistas é a mesmo. Vemos unha e outra vez un cadro roto, partido, sen grande esforzo sobre o terreo (contra a Real nin Cavaleiro que sempre se desfonda), con algún xogador máis metido ca outros nos partidos, pero en xeral con falta de intensidade. Semella que levan horchata no lugar de sangue polas súas veas. E iso só pode suceder se non hai sintonía entre xogadores e técnico. Xa van doce xornadas de Liga, mais o periodo de pretemporada, e xa vai sendo tempo para que xogadores e adestrador demostren que converxen nunha mesma idea. Pero esa comuñón non existe ou polo menos non se ve. Falta credo.

E por non abondar nos problemas de todas as semanas velaí vai unha proposta de credo para buscar o ben común branco e azul e brindarlle algunha vitoria ós afeccionados de Riazor. Son, como non podía ser doutro xeito, 10 mandamentos. 

-Cando vistas a camiseta do Deportivo a respectarás lembrándote da súa historia e do seu peso.

-Non sairás ó campo sen intensidade e sen demostrar cada partido que mereces o posto titular.

-Buscarás a portería do rival e tirarás a porta ou buscarás un compañeiro para que tire á porta.

-Creerás e farás o que che pida o adestrador. Demostrarás que sabes facer o que che pide.

-Non fallarás un penalti.

 Aínda que a clasificación non o diga, o comportamento do equipo é de descenso, e só hai un camiño para mudar dita sensación

-Non cometerás faltas perigosas no teu campo.

-Non insultarás ó rival, nin farás xestos de menosprezo, nin te lembrarás do árbitro no partido.

-Non enganarás o colexiado tirándote na área para forzar un penalti que non existe, nin farás teatro para provocar a expulsión dun contrario por unha acción que non teña realizado.

-Loitarás con todas as túas forzas desde o minuto 1 ata o minuto 90 para que o Deportivo procure a salvación da categoría.

-Non serás egoísta cos teus compeñeiros de equipo e non baixarás os brazos, nin darás sensación de non merecer o teu posto.

Estes mandamentos resúmense en dous:

Un) O adestrador non desquiciará os xogadores para que así poidan cumprir cos 10 preceptos principais.

Dous) O adestrador adestrará con tempo e intensidade todos os seus planos para que os xogadores se comporten como un equipo convencido e equilibrado. 

Estes mandamentos tamén se poden resumir en outros dous, pero iso xa o acuñou hai 20 anos Arsenio Iglesias: orde e talento. 

A cousa non é para tomala a broma. Aínda que a clasificación non o diga, o comportamento do equipo é de descenso, e só hai un camiño para mudar dita sensación. É certo que o equipo cortou a hemorraxia goleadora na contra, en gran medida por un sensacional Fabricio. Nesta novidosa defensa de cinco, á da segunda parte, estivo mellor pero é certo que a Real xa estaba esgotada tras unha primeira metade mol agobiante pola súa banda. 

As excusas esgótanse e o fútbol non enamora malia os cantos alumbrados no verán. Un empate como o da Real compra creto a moi curto prazo, unha semana, un par de semanas…. pero a banca precisa moita máis liquidez. O vindeiro partido non é o máis propicio para acudir ó mercado financeiro, pero interiorizar novas sensacións e ir aprendendo e memorizando o decálogo ben lle iría ao Dépor e o adestrador, ou alguén non vai comer o turrón este nadal na Coruña.

Comentarios