Opinión

Dépor: arranque tímido

Riazor vestiuse de gala de novo. De Primeira, claro.

Riazor vestiuse de gala de novo. De Primeira, claro. E como merece a ocasión, este segundo proxecto completo da era Tino veu con feituras de club profesionalizado, o que se esperaba por outra parte dun cadro directivo composto fundamentalmente por dirixentes empresariais. O estadio está impecable. Non hai espazo mais que para o verde, e o branco e azul, por suposto. Enmoquetado o interior (zona de vestiarios) e o exterior (onde estaban situadas as pistas de atletismo), alí onde non alcanza o tope de herba. Persoal de etiqueta en casi todas as portas, uns taboleiros de marcas xigantescos, situados a unha altura que se poden ver con gran nitidez desde calquera parte da bancada. Redes nas porterías en branco e azul. Cadeiras novas e publicidade sobreimpresionada en pranchas de metal. Espectacular. O verán serviu para dar un cambio de imaxe propio da que din é unha das mellores competicións do mundo do deporte rei. Riazor agora achégase a ese nivel. Respaldado por 24.000 socios, unha cifra para asegurar que o máis grande deste club é a súa afección. 24.000 dispostos, pase o que pase, a comprometerse xornada a xornada do Dépor. 

Falta unha das pezas claves: o dianteiro, pendente de sinatura, pero xa na Coruña. Haberá que ver se encaixa

Pero, o equipo… que tal? Pois en fase de construción. Cedo para sacar conclusións para o resto da temporada. Falta unha das pezas claves: o dianteiro, pendente de sinatura, pero xa na Coruña. Haberá que ver se encaixa. 

Sobre o que se viu, o Dépor fixo setenta minutos aceptables. Xogou sen crear moito perigo e sen sufrir. Os de Víctor debutaron cun partido cómodo porque a Real tampouco foi perigoso. Os branco e azuis controlaron e tocaron, pero ao partido faltoulle remate. Demasiado escasa esa parcela para xogar na casa. En xeral, un encontro soso. Cando o equipo acusou o cansazo pasou certos apuros ante unha Real que apenas se esforzou e aproveitou o baixón fisico deportivista. Ollo a isto, perigo. O equipo donostiarra tivo unha dobre ocasión, a máis clara do partido, que Carlos Vela estragou. Sinal de que o equipo non está preparado para dalo todo en noventa minutos. Choca ese desfondamento porque se unha cousa se traballou durante o verán foi a parcela física. 

Lucas Pérez debutou só con discreción como ariete, terá que collerlle o punto a responsabilidade que lle concede Víctor Sánchez del Amo

Moi interesante o partido de Pedro Mosquera que ademais se entendeu ben con Fayçal. Ambos coñécense de compartir vestiario e xogo no Elxe a temporada pasada. Esa adaptación está feita e dará froitos. Cando se buscan, atópanse. Do visto, o mellor. A zaga debutante, Sidnei e Lopo cumpriu. Laure, como sempre, batallador, incansable. Pola esquerda Fernando Navarro cumpriu. Pero está por ver que pasará con Luisinho, se queda, que quedará salvo sorpresa final (o presidente quere a Luisinho no club). Lucas Pérez debutou só con discreción como ariete, terá que collerlle o punto a responsabilidade que lle concede Víctor Sánchez del Amo. 

O empate é un signo positivo porque serve para comezar sumando e porque a imaxe ofrecida foi de aprobado. Un arranque que só serviu para prender motores. Tímido. A temporada ha ser dura. Primeira proba: dobre saída lonxe de Riazor. Unha delas, co Valencia. Notarán a ausencia da calor da bancada branco e azul.    

Comentarios