Opinión

Benvido, Mr. Borges

O Dépor precisaba un plan para salvar deportivamente esta temporada. 

O Dépor precisaba un plan para salvar deportivamente esta temporada. Tamén precisa un plan económico, e que xa está en marcha desde hai uns meses, desde o cambio da presidencia. 

Aínda é cedo para dicilo, pero se a sorte goleadora do Dépor muda coa chegada de costarriqueño, entón podería dicirse que o plan do equipo coruñés é o Plan Borges. 

Chegou á Coruña o 14 de xaneiro, tivo que coller a forma tras dous meses de vacacións, adestrouse, convenceu ó adestrador e fíxose cun posto de titular quince días despois. E non deixou dúbidas o día da súa estrea como branco e azul. Triunfou ó grande. Marcou dous goles, con gran dose de oportunismo, pero con acerto e oficio. Dous goles!!!!! Tantos como os que levan Toché, Cavaleiro, Medunjanin, José Rodríguez, Isaac Cuenca ou Lucas Pérez nos partidos que disputaron na primeira metade da Liga. Vamos, o que se di chegar e bicar o santo.

É certo que no primeiro gol, Borges tivo moita sorte porque o balón lle chegou de rebote tras un mal rexeite do porteiro Toño. O segundo, foi por executar un penalti que lle fixeran descaradamente a Cavaleiro. O penalti, esa clase de sorte algo maldita, que o Dépor estragou en dúas ocasións esta temporada: unha contra o Celta en Balaídos, que marrou Medunjanin. A outro foi de Cavaleiro co Málaga en Riazor.

Pero, que aportou Borges en 90 minutos? Descaro, verticalidade, forza, estar no sitio preciso, don da oportunidade, liderado, resolución. O centrocampista encarou ó correoso Raio, sempre que tivo o balón nos pés. Non se acovardou, non agochou a pelota, ou polo menos non se desfixo dela ás primeras de cambio. Ademáis, demostrou que sabe conducir o coiro, que non se enreda con el e que busca sempre avanzar posicións do xeito máis vertical que pode. Se ten posición de tiro, non se acubilla, dispara sen medo e con potencia. Busca pisar zona de perigo para completar a xogada do compañeiro. Asume liderado, como fixo no caso do penalti. Para ser un recén chegado, viuselle con iniciativa, con determinación. 

Que aportou Borges en 90 minutos? Descaro, verticalidade, forza, estar no sitio preciso, don da oportunidade, liderado, resolución

Lembremos que Celso Borges acaba de chegar, e que o papel de tirador de penaltis estaba asociado a outros futbolistas branco e azuis, como era Medunjanin, ou Isaac Cuenca, ou Cavaleiro.  

É certo que para valorar a Borges haberá que esperar a completar ó que resta de temporada. Pero que máis se lle pode pedir a un xogador recén chegado? Borges non fixo pretemporada co equipo; compenetrouse perfectamente cos seus novos compañeiros en apenas dez días; asumiu o peso da responsabilidade; e abanderou a segunda vitoria deportivista fóra da casa (a primeira foi co Éibar na terceira xornada de Liga, dezaoito xornadas atrás).

Así pois o Dépor ten un plan. Ten un faro, unha referencia que seguir. Ese plan veu das Américas.
Semella que Borges veu para deixar pegada. Benvido, Mr. Borges.

P.D.: Para os amigos de facer contas, o Dépor leva 3 puntos máis que nos mesmos partidos da primeira volta. Próxima cita: en Riazor co Eibar. Un partido no que sen intensidade e cabeza non pode haber vitoria.

Comentarios