Opinión

Bravo Zulú

Bravo Zulú" (en siglas "BZ") significa, segundo o Código Internacional de Sinais Marítimos da OMI, "traballo ben feito" ou "manobra ben realizada". É este BZ o que sinto que cómpre pregoar, e dende esta tribuna izo simultaneamente as bandeiras "B" (Bravo) e "Z" (Zulú) como recoñecemento expreso dun traballo colectivo, dun compromiso e duns resultados electorais que son extraordinarios.

Antes de máis: son consciente da esperanza depositada por unha parte importante desta sociedade nestas eleccións. Tamén do que significaba esa lexítima arela de derrota do Partido Popular e dunha mudanza política no país, tan necesaria como desexada por amplos sectores populares. Máis é importante ter presente, desde unha perspectiva soberanista, unha análise de resultados que tamén debe ter lectura política en termos estratéxicos, de proxecto político. Non só en termos de adhesión ou rexeitamento do que significan as políticas do PP. Noutras palabras, como é que se insiren estes resultados no proceso político histórico de avance do nacionalismo galego. No proceso de 
liberación nacional.

E o certo, o incontestábel, é que o BNG obtivo no 2024 o mellor resultado electoral en toda a historia do nacionalismo galego. Case medio millón de votos. Nunca antes se acadara esta cifra. Nin co Partido Galeguista nos anos 30 do século pasado, nin co BNG nas súas máis de catro décadas de existencia. Nunca. Como tampouco a nova correlación de forzas no Parlamento da Galiza. Nada menos que un terzo dos seus compoñentes (25 das 75 deputadas) son nacionalistas. Isto nunca pasara.
O nacionalismo avanza, e é quen sobe. Quen retroceden (agora que tanto se fala de "bloques") son as forzas políticas de obediencia española: PP perde dous escanos, PSOE cinco e Podemos e Sumar fican fóra do Parlamento. Para pechar ese mapa político propio, diferente ao do resto do Estado, salientamos tamén que é o galego o único Parlamento en que o ultraespañolismo de Vox non acada representación.

Unha última reflexión, tamén necesaria. Obviamente o electoral, sendo importante, non o é todo. Estes resultados, alén do que significan en canto á representación parlamentar e ao carácter político e simbólico (tamén importante) como expresión de sermos nación, supón tamén no ámbito social algo máis. Indica e demostra potencial na nosa sociedade. 

Eis o reto no futuro inmediato. Facer que esa potencia cristalice en materia, en pobo organizado e consciente. Transformar a simpatía en vontade. O instinto en coñecemento e implicación activa. Velaí o mellor xeito de conquistarmos a hexemonía social e política.

P.D.:  Sobre a acepción "Zulú", que dá título a este artigo, aproveito para lembrar como (a diferenza da RAG) a supremacista Real Academia Española segue a manter como significado no seu dicionario o de "bárbaro, salvaxe, bruto". Non creo que teña a ver con esta caracterización a todo un pobo a visión eurocéntrica sobre a resistencia organizada do movemento nacionalista zulú fronte á dominación británica.

Comentarios