Opinión

Veni, Vidi, Vence

Como Cesar, Xavier Vence non perdeu o tempo. Así con encomiable rapidez xerou un impulso ao BNG, empeñado en poñelo como protagonista da política galega. Sabíase da súa capacidade analítica da realidade económica, como estudioso que é desta materia, pero coñecíase menos a súa capacidade analítica da realidade política en canto alonxado dos centros de poder partidario, por iso foi  toda unha sorpresa observar o seu riguroso e coherente discurso neste ámbito, e se a isto engadímoslle un formalismo expositivo claro e amable, o resultado parece engaiolante. De tal xeito, que creo que se Vence fose o número un do BNG na Asemblea de Amio, posiblemente teríase evitado a ruptura. Pois dame a impresión de que entre as súas virtudes está, tamén, a da sensatez.

"Se Vence fose o número un do BNG na Asemblea de Amio, posiblemente teríase evitado a ruptura. Pois dame a impresión de que entre as súas virtudes está, tamén, a da sensatez".

Agora coa división do nacionalismo consumada, Vence trata de arranxar o mellor posible a situación, e evidentemente coas feridas aínda abertas, o único que se pode facer é poñerlle unas boas grampas e tratalas con coidado para que non se infecten e vaian cicatrizando convenientemente ata a curación total. Polo tanto propoñer unha alianza nacionalista respectando a identidade e características de cada quen é unha alternativa racional para quen desexe que algún día o nacionalismo volva estar unido.

Esta alternativa está na lóxica de que os nacionalistas teñen un mesmo fin: o soberanismo, a independencia, ou dito doutro xeito o decidir por un mesmo o que se quere ser e facer. Pero claro, todos sabemos, e Xavier Vence o primeiro, que para chegar a ese obxectivo é preciso que antes sucedan moitas cousas, non digo xa para conseguilo se non simplemente para estar en mellores condicións de facelo. Unha delas, e non doada, é que o nacionalismo sexa hexemónico (como en Catalunya ou Euskadi por exemplo). Outra delas, tampouco doada, é que unha importante maioría da poboación estea de acordo polo menos co dereito de autoderminación, e para acadar isto parece imprescindible, tamén, a conquista do poder político da Xunta de Galicia. 

"Falta por coñecer como pensa Vence unha relación con esta esquerda para facerlle fronte a esa política da cotianidade, protagonizada diariamente polas demandas da maioría da cidadanía galega debido á conculcación dos seus intereses  máis vitais, e polo tanto necesaria, tamén, no camiño da soberanía".

Pois ben, para que iso se consiga  ten que pasar a primeiro plano a “política da cotianidade” e nesa política crúzanse inexorablemente toda a esquerda sexa nacionalista ou non. Cando falo da política da cotianidade, para entendernos, estou resumindo todo aquelo que se refire a inxustiza cotiá que sufre a cidadanía e á que hai que darlle resposta inmediata, porque se non esquezámonos de hexemonías e polo tanto de soberanías. Beiras considerou como prioritaria esta política da cotianidade na que primasen respostas político-sociais como as máis acaídas neste momento para desbancar ao PP e polo tanto chamou a unha alianza de toda a esquerda integrando nela a EU. Porén, como nacionalista, agora falta saber a súa resposta á proposta dunha alianza á que por natureza pertence. Vence, pola súa banda, prioriza esta alianza natural nacionalista considerando que en definitiva o soberanismo é a taboa de salvación de Galiza pero, claro está, sempre que ese soberanismo leve consigo unha política xusta e o máis igualitaria posible, polo tanto de esquerdas, e neste espazo tamén entra EU. Neste sentido, falta por coñecer como pensa Vence unha relación con esta esquerda para facerlle fronte a esa política da cotianidade, protagonizada diariamente polas demandas da maioría da cidadanía galega debido á conculcación dos seus intereses  máis vitais, e polo tanto necesaria, tamén, no camiño da soberanía.

Non cabe dúbida que a Política é complexa, pero pase o que pase, longa vida política a Vence na dirección do BNG!  

Comentarios