Opinión

Unidade e Fronte Popular

Os vindeiros 8 e 9 de xuño, como é sobradamente coñecido, vai ter lugar en Compostela a I Asemblea Nacional de Anova. Dependendo do que se fermente a partir desa convocatoria, e de como eses postulados aprobados sexan acollidos polos demais axentes políticos e sociais, as posibilidades para a nosa Patria poderán ser infinitas ou, de non haber receptividade e entendemento, tal vez nada mude moito e o país seguirá descendendo cara a desaparición dos seus dereitos, dos seus recursos, da súa potencialidade. En definitiva, cara a desaparición propia. 

Os vindeiros 8 e 9 de xuño, como é sobradamente coñecido, vai ter lugar en Compostela a I Asemblea Nacional de Anova. Dependendo do que se fermente a partir desa convocatoria, e de como eses postulados aprobados sexan acollidos polos demais axentes políticos e sociais, as posibilidades para a nosa Patria poderán ser infinitas ou, de non haber receptividade e entendemento, tal vez nada mude moito e o país seguirá descendendo cara a desaparición dos seus dereitos, dos seus recursos, da súa potencialidade. En definitiva, cara a desaparición propia. 

Convén agora claridade e concisión. A idea da fronte ampla foi unha das achegas máis lúcidas, se non a que máis, dentro da esfera da política galega en moitas décadas. Persoalmente prefiro a denominación de “fronte popular” tanto por considerala máis axeitada dende o punto de vista semántico como polas reminiscencias históricas que trae parellas. Non é isto o que máis debera preocuparnos, de tódolos xeitos, aínda que ás veces as denominacións din moito e ata parecen exercer de condicionante. Con todo, non penso que sexa agora este o caso. Calquera das dúas formas son abondo transparentes e ámbalas dúas automáticamente vinculábeis á esquerda. 

"A idea da fronte ampla foi unha das achegas máis lúcidas, se non a que máis, dentro da esfera da política galega en moitas décadas".

A porta que vai reabrir previsibelmente Anova-Irmandade Nacionalista de multiplicar forzas dentro da AGE e de potencia-lo apoio e a solidariedade cos sectores sociais máis violentados polo capitalismo non é nin un capricho de Beiras, de Anova ou dos restantes compoñentes da nacente fronte, chámeselle a esta “popular”, “ampla” ou “ampla-popular”. Nada diso, nosoutros sabemos, vosoutros sabedes e eles saben que este proxecto transformador interesantísimo polo seu carácter aglutinador e duradeiro responde inequivocamente, antes de nada, ó chamado de emerxencia e ás pulsións que se están a producir na rúa e na sociedade pola situación excepcional e dramática que estamos a vivir e que, tamén todas e todos sabemos, vai empeorar. Alguén o dubida? Son as propias clases populares descridas, o pobo, quen está a demandar unha ferramenta política eficaz para subverter todo este descenso ós abismos.

Unha ferramenta política de gran envergadura, non que sirva de ponte coa sociedade damnificada, senón que sexa  a plataforma activa na que se sustente a maioría social galega. Ese lugar común onde se cimente a esperanza obreira, proletaria e das traballadoras e traballadores do agro. Persoalmente, e coincidindo con outras persoas, renego de termos máis ou menos insulsos do tipo “xente do común” ou “cidadanía” que teiman en empregar algunhas compañeiras e compañeiros, non sei se por algunha clase de complexo. “Cidadán” tamén é Gayoso, o que se xubilou de Caixanova con 16 millóns de euros. Éo tamén o filántropo Amancio Ortega. Non parece ter moito sentido. Como se dixo máis arriba, unha ou outra terminoloxía podería inducir a devires polos que as galegas e galegos que nos necesiten non estean a agardar. E ademais, precisamente pola situación de excepción que nomeabamos, non creo que sexa momento de andar con tanta mornura. 

"A porta que vai reabrir previsibelmente Anova-Irmandade Nacionalista de multiplicar forzas dentro da AGE e de potencia-lo apoio e a solidariedade cos sectores sociais máis violentados polo capitalismo non é nin un capricho de Beiras, de Anova ou dos restantes compoñentes"

De tódolos xeitos, o proxecto frontepopulista é tremendamente ilusionante e non parece moi intelixente caer en papahostiadas de “españolista ti, galego eu” agora que ocorreu un trasbase de votos e de base social dun polo do nacionalismo ó outro. A baixada do BNG foi e é unha desgraza enorme e nunca ninguén se alegrará por iso. Non sería propio de alguén cunha mínima querenza por este país. O BNG foi o piar ideolóxico e histórico sustentante da razón de ser de milleiros de moreas de galegas e de galegos que ocupou un lugar central nos últimos decenios e ten, por forza que seguir ocupándoo. E seguirá, seguramente, se sabe ler e interpretar o importante papel que a historia lle está a asignar. 

O que cómpre, sabémolo todas e todos, é a acumulación de forzas, a responsabilidade histórica e, por fin, a fraternidade sincera entre os distintos axentes e forzas do país para “lanza-las frechas nunha soa dirección”. Hai tempo que se chegou á conclusión de que había que reinventa-lo principio de fronte popular que ideara Dimitrov e que ideara a Internacional Comunista e que se presentou como a única fórmula posíbel de frea-lo fascismo en Europa. A nosa xeira échevos ben semellante agora. Non é tempo nin che vos ten sentido ningún competicións fraticidas e irresponsábeis de galeguidade. Nun mitin da AGE de hai varios meses esta situación analizouse con moito siso mais agora, nos nosos días, parece non haber aínda en certos sectores moito sentido histórico: “Con quen ía Luís Soto en 1938? O comunista Luís Soto ía co nacionalista de esquerdas Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Onde ían de ganchete polas rúas de Ourense e pola provincia de Ourense Benigno Álvarez, o intelectual comunista máis lúcido dos anos `30? Con quen ía collido do ganchete nas eleccións do Frente Popular? Con Alexandre Bóveda. Ó ano seguinte morrerían os dous.”

"O proxecto frontepopulista é tremendamente ilusionante e non parece moi intelixente caer en papahostiadas de “españolista ti, galego eu” agora que ocorreu un trasbase de votos e de base social dun polo do nacionalismo ó outro"

Na nosa fronte popular ten que haber cabida tamén para as diferentes manifestacións e expresións dentro da esquerda respectuosa co dereito a decidir, dende movementos sociais de toda índole ou de nova aparición como o 15-M ata o movemento anarquista todo que tan importante labor cumpriu xa dende os inicios do século XX (no noso país nalgunhas comarcas sabémolo ben e recoñécemo-las súas achegas impagábeis). 

Unha fronte, en síntese, ben comprida para que nos sexa máis doado e máis amábel o camiño cara a autodeterminación e á consecución da futura República Socialista Galega que algún día terá que chegar e que anhela moita xente dentro e fóra de Anova e do BNG. Unha conxuntura definitiva para a liberación social da clase traballadora e para que repatríen de vez ás que encarceradas e encarcerados sofren a tortura e a violencia deste réxime opresor. Unha maquinaria potente e audaz encamiñada a dar pé e a engarzar con outras frontes anti-sistema, sexa a nivel estatal, europeo e mundial que tumben definitivamente o monstro voraz do capital.

Do que non hai dúbida é de que, en querendo, a fronte popular que encarna a AGE pode se-la casa de todas e de todos. Obremos, por tanto, con cordura, con sentido pragmático e con devoción únicamente pola causa galega.

Unidade, unidade, unidade.

*Quero aproveita-la publicación deste artigo para mostra-la miña máis sincera gratitude coas compañeiras e compañeiros do Sermos por se-lo único medio dixital galego que tivo a ben publicar un meu texto verbo da visita do profesor Furr a Galicia o pasado mes e poder tratar con total liberdade e sen ambaxes un período histórico tan inxustamente deostado como foi o estalinista. Beizón!

Comentarios